Comparecencias

A Marea local propuxo Comparecencias sobre os seguintes asuntos: Penso, PXOM e Piñeiral da Madalena

PENSOSetembro de 2015

4.- COMPARECENCIA ALCALDÍA PARA INFORMAR SITUACIÓN SENTENZAS O PENSO. A continuación o Sr. Alcalde segundo o acordado no punto 7 da sesión do Pleno da Corporación realizada o 29 de xullo de 2015, pasa a dar información sobre as sentenzas do edifico do Penso, sinalando que o proceso iniciouse por denuncia presentada por D. José Ramos Fernández, D. Honorio Ferreiro Delgado e D. Serafín Díaz Regueiro contra o silenzo administrativo do concello de Cabanas a escritos presentados o 26-9-1990 e 4-01-1993, sobre obras que realiza a empresa Prominfer S.L. no solar sito na parroquia de San Andrés, e prosegue indicando:1°. Por sentenza do 29-9-1994 ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, en recurso 4055/1993, actualmente firme en dereito, procedeuse a anulación da licenza outorgada polo concello para a execución das obras de construción do edificio O Penso 2a fase e se ordenaba ó concello de Cabanas á demolición dunha parte da citada construción non amparadas pola normativa municipal.2°. Por sentenza do 10-10-1996 ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, en recurso 4126/1994, actualmente firme en dereito, acordouse por dito tribunal ordenar ó concello de Cabanas á demolición das partes do edificio O Penso 1a fase que excederan as plantas e alturas construídas en demasía.3°. Firmes as citadas resolucións xudiciais do TSXG requiriu reiteradamente ó Concello o cumprimento dos referidos fallos xudiciais, como non podía ser doutra forma o concello intentou durante estes anos proceder a executar as obras ordenadas pero ó carecer de capacidade económica non foi posible ata a data.4°. Tamén quere recordarlles que está como Alcalde desde fmais de xuño de 2007, a partir desa data é desde onde vai a concentrar a exposición, recorda como encontraron a capacidade económica do Concello cando chegaron a Alcaldía, créditos pendentes 200.723,88 euros, asesor xurídico 15.800, inventario empresa Gainto que non cumpre para aprobalo 15.200, sentenza Florinda Deibe ano 2007 170.528,68 e ano 2008 23.096,35, sentenza Aquagest 142.000 do que se pagou 60.000, en total 560.348,91 euros pagados, ademais o concello tivo que facer fronte a gastos de compra de maquinaria tractor, limpapraias, reparacións viarias, mellora rede saneamento, reparacións pontes, reparación pavillón polideportivo de Porto, entre outras. No orzamento de 2008 consignaron 24.000 € para edificio O Penso, ata o 1-7-2008 non recibiron a renuncia a defensa do concello do Sr. Santaló e o 10-4-2008 o TSXG resolveu definitivamente os incidentes formulados tanto polo concello coma por terceiros veciños afectados por esta sentenza; neste ano faise a selección de empresas para redacción do proxecto técnico de execución da sentenza ditada no seu día, solicítase axudas á Xunta de Galicia e Deputación Provincial que foron denegadas, solicitouse crédito a varios bancos sen resposta afirmativa de ningunha entidade. No orzamento de 2009 consignáronse 74.000 € e adxudicou a Applus Norcontrol S.L. a redacción do proxecto de execución e demolición das sentenzas. No ano 2010 consignaríase 134.000 €, asínase o contrato con Applus Norcontrol S.L. para redacción do proxecto técnico de execución sentenzas en data 14-01-2010 a 2a fase e o 30-08-2010 a 1a fase, solicitándolle que inclúa a valoración dos pisos dos afectados; a redacción do proxecto de demolición é complexa e nese mesmo ano pagáronse a 1a e 2a fase por importe de 21.924 € cada fase. No orzamento de 2011 consignáronse 850.000 en préstamos e 47.000 en fondos propios, hai reunión cos denunciantes para intentar chegar a acordo non sendo posible pola negativa de ditos señores, remítese de novo escritos a entidades bancarias La Caixa, Banco Pastor, NCG Banco, e Banco Gallego solicitando concesión de créditos para a execución nonsendo autorizado por ningunha das entidades. Orzamento de 2012 consígnanse 107.101 defondos propios e 686.110 € de préstamo. Orzamento de 2013, consígnanse 639.220 € incorporando durante o ano 20.800 € máis, o 8-07-2013 hai informe do técnico municipal onde entre outras cousas recomenda iniciar os traballos pola 1a fase do edificio O Penso, o 15-11-2013 o Pleno aproba o proxecto técnico para proceder a demolición da 1a fase do edifico O Penso. No orzamento de 2014 consígnanse 165.722,69 € máis un crédito con Abanca de 396.277,31 máis 184.035,50 € de remanente do ano 2013, que suman 746.035,50 €, pagáronse dúas facturas a Antonio Ferreiro por traballos de valoración dos pisos dos propietarios afectados que suman 3.448,50 €; o 10 de xaneiro de 2014 os veciños presentan un escrito formalizando recurso potestativo de reposición contra o acordo do Pleno da Corporación do 15 de novembro de 2013 para que sexa anulado, non sendo aceptado; o 14-01-2014 ábrense os sobres 1 e 2 das empresas que se presentaron a obra en total 8 empresas, abríndose o sobre económico o 24-02-2014; 611-03-2014 presentan escrito os propietarios solicitando a apertura dun expediente patrimonial por parte do Concello de Cabanas; o 4-04-2014 iníciase expediente patrimonial comunicándollo ós propietarios e nomeando instrutor do mesmo a D. Julian Ramón Seijas Criado; o 30-07-2014 encárgase unha separata a Antonio Ferreiro Novo da valoración taxación das vivendas afectadas tanto da 1a coma da 2a fase, así como un anexo das valoracións para desaloxo e posterior realoxo en réxime de aluguer dos veciños que habitan as vivendas da planta 3a e das vivendas do 2° C e 2° D da planta segunda; o 1-08-2014 D. Carlos Seoane Domínguez actuando en nome e representación de José Campelo Vázquez e outros, presenta escrito por rexistro solicitando ampliación de prazos xa que o prazo concedido é insuficiente para realizar unha defensa efectiva dos dereitos dos asistentes debido a extensión e complexidade do estudo técnico; o 12-08-2014 adxudícase a obra a empresa Prace Servizos e Obras S.A. por importe de 216.371,20 €; o 9-09-2014 concédeselle aos propietarios unha ampliación de prazo; o 24-09-2014 ratifícase no pleno a adxudicación da obra e asínase o contrato administrativo coa empresa o 1 de outubro de 2014; o21-10-2014 levántase o protocolo de gretas entregando unha copia a cada propietario; o 26-11-2014 asínase a acta de aprobación do plan de seguridade e saúde; o 29-01-2015 D. Carlos Seoane Domínguez en nome e representación de D.[] e outros presenta escrito de alegacións con novas valoracións dos seus propietarios. No orzamento de 2015 consígnanse 348.669,19 € de remanente reservado para demolición e indemnización aos propietarios e o crédito de 396.271,31 € que suman un total de 744.946,50 €, a finais de ano intentarase incorporar remanentes si é posible e aproximarase a 800.000€ o crédito desa partida; o 20-07-2015 un veciño solicita traslado do seu piso unha vez que empecen as obras; o 28-07-2015 o instrutor D. Julian Seijas Criado solicita informes técnicos municipais; 5-08-2015 o arquitecto municipal entrega o informe solicitado e o 31-08-2015 o Secretario-Interventor entrega informe cos datos solicitados polo Instrutor, para poder avanzar no expediente patrimonial; o 17-09-2015 redáctase entre as dúas partes acordo indemnizatorio pasando a firmar o 21 de setembro de 2015 no concello de Cabanas coa presenza dos letrados das dúas partes; o 22-09-2015 o Instrutor do expediente presenta proposta de acordo indemnizatorio.A continuación formula proposta do Pleno: dar o visto bo inicial ao acordo indemnizatorio e remitir a proposta do Instrutor ao Consello Consultivo de Galicia. Iso é o que ten que informar do edifico do Penso.Polo grupo Socialista: o voceiro D. Delfín Feal Pereira indica que recibiron onte todo isto (refírese a copias de documentación) para estudialo para esta comparecencia, absolutamente fora de lugar como no caso do PXOM, o problema do Penso pasa por indemnizar aos veciños pola perda de dereitos e propiedades afectando a todos os do edificio, efectivamente o problema se xera en 1990 e vaille afectar a vostede cando é Alcalde no ano 2007, como ben dixo no ano 2008 hai sentenza firme de pleno e hai que executala, pero nesa lexislatura 2007-2011 non se dan os pasos que tiña que dar, abrir expediente de responsabilidade patrimonial, mirar as indemnizacións, contrata-las obras, non o fai e da como escusa que hai que facer uns pagos e demais, recorda que nesa lexislatura manexáronse orzamentos entre 3 e 4 millóns e aprobouse a suba do IBI e do IVTM que incrementaron os ingresos e sen embargo non se fixo nada, pregunta por que nesa lexislatura non se fixo algo e si había algo que ocultar. Na lexislatura 2011-2015 o PP consegue a maioría absoluta e lle potestade para facer o que queira, como representante do partido socialista pediulle unha comisión especial para o asunto do Penso ó cal sempre se negou, vostede falou de gastos primordiais de limpapraias, etc. pero tamén houbo demolición da reitoral, cerre perimetral da nave de Vilar do Colo, cubrición da pista de pádel que rondan uns 350.000 euros, a pregunta volve a ser a mesma, por qué non quere tratar iso nunha comisión especial, por que non se dan os pasos que teñen que dar habendo diñeiro si se sabe gastar ben para facer fronte a indemnizacións, proxecto que se adecúe á sentenza, contratación de obras e seguridade dos veciños, por que non se fai iso, hai algo que ocultar?, hai intento de reunión con denunciantes pero por que non houbo ese intento na anterior lexislatura. Agora nesta lexislatura conseguimos a aprobación dunha comisión de obras, servizos, urbanismo e emprego, no pleno de xullo aprobouse unha moción do grupo socialista onde se engadía a petición do Sr. Sardiña a proposta do que se está cumprindo hoxe, pero tamén se aprobou que se debatera este tema en comisión, por que non se fai esa comisión?, hai moitos por que sen contestar e non é de recibo que envíe esta documentación para ler en 24 horas, porque isto non está no rexistro do Concello e como son contestacións a alegación seguimos sen saber o que están pedindo ou dispoñendo, moito escurantismo, en definitiva temos que cumprir a sentenza, estamos no 2015, hai 25 anos do inicio e pensa que hai que coller o asunto con sinceridade e levando as cousas como as que levar.Polo grupo Mixto: o concelleiro do BNG, D. Iago Varela Martínez indica que a postura é que hai que dar unha solución definitiva as indemnizacións e execución da sentenza, considera que falta documentación e non se tratou o asunto en comisión, non apoian a información da Alcaldía, a documentación enviada non se fixo coa antelación requirida e ten medo do que pode ocultar, trátase dunha proposta que non cumpre coa nominativa e quere tender unha trampa, un acordo que é ilegal e pretende que o apoien, o que nunca poderán facer, é unha competencia da Alcaldía, e vai sendo hora de que deixe de xogar cos veciños.A concelleira de AEC, Da. Ma. Eva García Amor entende que o tema do Penso é complexo e longo, leva moito tempo dilatándose e non se pode alongar máis, o acordo que lle chegou por correo electrónico tamén lle fai desconfiar un pouco, falta polo menos informe do SecretarioInterventor para que cumpra tódolos requisitos legais e por encima tería que ir antes ó Consello de Consultivo de Galicia, antes de vir a este Pleno, tampouco cree que os veciños afectados sexan soamente sete que son os que aparecen neste acordo, serían tódolos veciños, insiste en que a obra e complexa e grande, non cree que desde AEC vaian aceptar este tipo de solucións.O concelleiro de PDDdG, D. Xosé Manuel Pérez Sardiña sinala que a proposta de comparecencia era para que informara detalladamente sobre a xestión da demolición e indemnizacións, así como achega de autos, escritos, resolucións e todo aquelo en posesión do despacho de avogados contratados para a defensa do Concello e entregou 400 folios que son unha oda a que o Alcalde non pague multas, pregúntalle ao Sr.Alcalde si a defensa xurídica do Concello é do Concello ou súa persoal, quen redactou o acordo entre os veciños e vostede?, que fixo co plan de etapas que non citou na súa exposición?, non saben nada do TSXG, falta documentación fundamental, queren saber como vai realoxar aos veciños, o técnico ten que determinar os pisos que poden estar afectados ruídos, vibracións, etc, cando ten previsto pagar as indemnizacións, queda legal o edificio do Penso 1a fase e 2a fase despois de que se realicen as obras de demolición?.0 Sr.Alcalde di en canto a primeira lexislatura houbo que pagar débedas pendentes, máis de cincocentos mil euros, a casa reitoral de Soaserra e o cerre perimetral da nave de Vilar do Colo son financiamentos finalistas, o concello por unha parte pequena, a casa reitoral estaba en ruínas e era unha necesidade e si se deixa podía haber unha desgraza, tamén se pagou a indemnización a Florinda Deibe; en canto a comisión especial, en tódaLas reunión de voceiros eran abertas e se podía falar do Penso pero o de vostedes é poñer paus nas rodas para non executar, recorda o obrigado cumprimento da Lei de estabilidade orzamentaria, non ten nada que ocultar está todo aí, pasouse onte porque antes non se puido, as sentenzas son Etrmes e din todo, o problema ven xerado pola Alcaldesa do partido socialista Modesta Anca por non paralizar as obras, si o fixera a responsabilidade non sería do Concello senón do promotor e construtor; considera que o Sr.Sardiña tamén ten parte de culpa por votar en contra da adxudicación do PXOM en data 27-10-2005 estando en coalición co partido socialista inda que o documento era privado e posiblemente si se aprobara un PXOM hoxe estaría resolto; están intentando solucionar o problema das indemnizacións aos veciños e as posibilidades de traslado a outro piso,os veciños levan 25 anos abandonados e a súa intención sempre foi o diálogo e chegar a acordos, non queiran facer política disto, el non a fai e non ten nada que ocultar, desde que chegou a Alcaldía están intentando solventar un problema que leva 20 anos; insiste en que a responsabilidade é directamente da alcaldesa naquel momento non doutra persoa que estaba na outra lexislatura; o plan de etapas non se puido cumprir porque non había os créditos correspondentes pero si se presentou e se cumpriu ata onde se puido, o realoxo dos veciños xa o manifestou, os veciños solicitan e o director de obra e encargado de seguridade e saúde determinaran cando se empecen as obras cales son os que hai que realoxar, non vai haber impedimento, ningún veciños vai ser prexudicado para iso se fixo o estudo de gretas; o acordo redactárono os avogados dos propietarios e do Concello conxuntamente e estiveron na firma deses acordos, agora mesmo non é necesario informe do Interventor, agora mesmo é necesario facer o que eu digo aquí "dar o visto bo inicial ao acordo indemnizatorio e remitir a proposta do Instrutor ao Concello Consultivo de Galicia" unha vez que veña o informe si que temos que ter informe do Secretario-Interventor, co cal considera que está todo contestado.O Sr. Feal Pereira en relación as alusións da Alcaldía indica que se non fora polo que foi non estariamos aquí, recórdalle que entrou de concelleiro en 2011 e o Sr. Alcalde botoulle en cara que era un problema de Modesta Anca e partido socialista, díxolle que non ía negar ese feito, pero recórdalle que no 2007-20011 vostede gobernou cun concelleiro en ese momento en AEC pero que na lexislatura anterior estivo no partido socialista e vostede non lle chamou a atención, asume esa responsabilidade como partido e tamén a de ser parte da solución cousa que vostede nunca quixo, as xuntas de voceiros cóntanse cos dedos dunha man, hai que cumprir a estabilidade orzamentaria pero tamén é certo que se manexaban orzamentos de 3 e 4 millóns de euros, é certo de que hai gastos superfluos? vostede fixo os orzamentos ao seu entoxo, hai un panfleto antes das eleccións municipais cunha calidade impresionante indicando gastos, critica o investimento na reitoral, era un edificio en ruína, pero de quen é?, se cae algo é culpa da Igrexa ou do Concello? ese diñeiro podía  usarse noutra cousa, este voceiro xa lle dixo en pleno que recuperara ese edificio cunha escola 1-11ex para formación e traballo ós veciños, consegue un convenio para un aparcadoiro de pena, si se gastaba máis na rehabilitación quedaba un inmoble para uso do Concello, tamén alude ao investimento de 92.000 euros no cerre perimetral da nave de Vilar do Colo e 93.000 para cubrición das pistas de pádel de A Veiga recordando que o portavoz do PP dixo naquel momento que era o investimento máis rendible do Concello, fala das peticións feitas para crear unha comisión e a negativa da Alcaldía; estamos en 2015 e pregúntase como arranxamos isto, vámolo arranxar?, hai algo que ocultar?, insiste en que en 2007 incrementouse o IBI, e supuxo uns 160.000 euros a maiores, quere ser parte da solución pero vostede non fixo nada, o seu equipo xurídico non pasa os temas polo rexistro e a oposición non temos acceso a eses datos, solo os filtra vostede aos interesados.O Sr. Varela Martínez fai constar que non existiu a coalición PSOE-BNG e se o Sr. Alcalde non quere facer política que se vaia, na orde do día non hai este acordo e pregunta que trampa é isto, o problema é herdado pero vostede en oito anos non fixo nada e visto a súa forma de actuar estráñase que a esta altura non estea imputado.A Sra. García Amor segue a dicir que é un tema que leva moitos anos dilatándose e non se da solucionado, todos están desexando que se solucione, o que pase é que facelas cousas tarde, mal e arrastro tampouco cree que sexa a solución, o acordo pareceríalle ben se fose firmado por tódolos veciños e que se indemnizara de forma equitativa porque non aquí non ve informe dun taxador nin de Interventor nin de ninguén que garanta as mínimas condicións legais e non se poden facer as cousas desta maneira, leva moito tempo e non sabe a que está esperando para solucionalo dunha forma legal e correcta.O Sr. Pérez Sardiña considera que lle quedaron preguntas importantes por responder, vostede responde o que lle da en gana, xa que fala do 2005 debe saber que unha concelleira que vostede leva unha e outra vez nas listas tamén votou en contra daquel PXOM, a que está xogando?, por outra banda o voto deste concello entre once era igual de relevante que o da súa concelleira, queda legal o edificio do Penso despois de facer as obras de demolición?, cando vai pagar as indemnizacións? por que no documento firmado "o presente acordo será levado o Pleno da Corporación do concello de Cabanas para propoñer a súa aprobación, sen prexuízo da súa validez e eficacia inmediata desde o momento da súa firma, quedando suxeita a súa validez e eficacia a ratificación polo Pleno da Corporación. E todo isto sen prexuízo das competencias que correspondan ós correspondentes órganos administrativos, sen que polo tanto o presente acordo suporía alteración, modificación das mesmas nin das responsabilidades que se puideran derivar na tramitación do presente procedemento" e pregunta, para que lle fai falta este Pleno?, vostede mesmo está dicindo que xa aprobaron o documento por encima do Pleno e do Consello Consultivo, dos servizos técnicos municipais e de todo o mundo, igual hai que mandar este acordo a fiscalía directamente.O Sr.Alcalde indica que á fiscalía o vai mandar el se non sae adiante porque están interrompendo o proceso de demolición de sentenza firme do TSXG; claro que quedará legal porque quen fixo o informe e o proxecto estudou as normas subsidiarias de Cabanas, as indemnizacións pagaranse cando estea o proceso pechado da 1a fase, a 2a fase inda está sen negociar, hai informe encargado das valoracións e hai informes que presentaron os propietarios, trampa ningunha, solucionar un problema que ven de 1990, insiste en que no cerre perimetral da nave e cubrición de pistas de pádel hai subvencións finalistas e o concello solo pon unha mínima parte, vostede tivo opción de saber o que se puxo, e a escola taller non ten capacidade para restaurar esa vivenda da reitoral e custaría moito máis, Patrimonio deu autorización para a demolición e os veciños están contentos co aparcamento, di que o Sr. Delfín Feal representa aquí o partido socialista e polo tanto ten responsabilidade, todo aquel que represente o partido socialista en Cabanas ten responsabilidade, de gastos superfluos habería que mirar para atrás, e todo isto ven pola mala xestión de quen gobernou naquel momento e ese señor que do falou vostede cando gobernou con este Alcalde nunca representou o partido socialista, polo tanto reitera a proposta "Dar o visto bo ó acordo indemnizatorio e remitila proposta do Instrutor ó Consello Consultivo de Galicia".A continuación somete a proposta a votación, mentres que o Sr. Varela Martiñez di que non se pode votar, non aparece na orde do día e invoca o artigo 105 do R.O.F. e R.X. das Entidades Locais, resultando cinco votos a favor dos membros do grupo Popular e seis en contra dos membros dos grupos Socialista e Mixto, polo que non resulta aprobada dita proposta.

PXOM. Setembro de 2015

5.- COMPARECENCIA ALCALDÍA PARA INFORMAR SITUACIÓN PXOM. A seguir o Sr. Alcalde de conformidade o acordado no punto 8 da sesión do Pleno da Corporación realizada o 29 de xullo de 2015, pasa a dar información sobre a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, en cuxa intervención fai referencia as cuestións que de forma resumida se recolle a continuación: O mércores 23-09-2015 houbo unha reunión co director do PXOM D.Antonio De Vega onde fixo balance do estado actual do proxecto e puideron facerlle as preguntas que considerasen oportunas, cree que ninguén por en dúbida a necesidade de aprobar o PXOM que é fundamental para os veciños e para os técnicos xa que se está traballando sobre normas subsidiarias de 1987 o que da lugar a unha alta inseguridade xurídica, dende ese ano hai máis de dez modificacións da lei do solo; o Plan saíu a exposición pública durante dous meses, é un documento amplo para que se vexan as posibilidades, recolléronse as alegacións e o equipo redactor estivo polas parroquias explicando o proceso e asesorando aos veciños, axudou a moitas persoas a facer as alegacións; sobre os informes sectoriais solo falta adaptar a normativa de Fomento, nos planos do PXOM xa está recollido o proxecto de humanización da N-651, a día de hoxe inda non se recibiu o informe de Patrimonio pero seguirase avanzando na tramitación xa que a nova lei obriga a informar no período de tres meses e o equipo redactor está preparando a proposta de memoria ambiental
para presentar na Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Sobre as alegacións hai unha serie de modificacións, retírase o vial estrutural dende Cardeita a rotonda da autoestrada, modifícase o recuamento da construción dende o peche da finca, mantense o ancho dos viais, no vial do Dia Oito a Lamelas a ampliación realízase pola parte da ribeira, as parcelas no solo urbano quedarán como nas Normas Subsidiarias, nos núcleos rurais vanse axustar as parcelas ao mínimo sen reducir as dimensións dos núcleos, ningunha vivenda con licenza municipal quedará fora de ordenación, da conta da alta porcentaxe de estimación de alegacións nos núcleos rurais indicando o resultado por núcleos; hai algún núcleo especial como pode ser O Pereiro que afecta a protección de solo rústico de protección de infraestruturas e o informe de Fomento é vinculante, nas Modias e Chao da Aldea e tamén en A Costa e Cabanelas, hai afección de Augas e Ferrocarril e son informes vinculantes, se non fora o de infraestruturas a aceptación das alegacións estaría nun 90 %; en canto a núcleo urbano Os Castaños e Pinemar que xa explicou o director que están fora de ordenación e non queren que os viais sexan públicos e do urbano hai 109 alegacións que non están todas pechadas pero moitas se van aceptar, na zona da Madalena van estar todas aceptadas respectando as Normas Subsidiarias xa que era un tema de viais; agora mesmo faltaría a adaptación da normativa de Fomento e enviar o documento de Memoria Ambiental á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para que fagan a Memoria que despois hai que aprobar no Pleno e enviar todo o documento a Secretaría Xeral de Urbanismo para a súa aprobación definitiva do PXOM, esa é a situación actual e que na devandita reunión explicou o director do Plan.
Polo grupo Socialista: o voceiro D. Delfín Feal Pereira manifesta que este punto é tamén unha parte da moción que presentaron no pleno ordinario de xullo, pedían que se contemplase un segundo período de exposición pública e o vostede acaba de confirmar o razoamento que fixo, hai alegacións e moitas apróbanse o cal pode afectar a persoas que na primeira exposición estaban de acordo co Plan, por elo desde o partido socialista creen necesaria unha segunda exposición e sobre todo esperan o informe de Patrimonio inda que vostede di que vai seguir adiante sen el e non sabe ata que punto iso é posible, fai referencia as reunións co equipo redactor e as explicacións a nivel de carreira universitaria, non sendo esta última as outras eran clases de carreira, houbo un punto sobre as alturas dos edificios que non se recolleu en ningún sitio por tratarse de reunión informal, seguen pensando a necesidade de convocatoria desa comisión de urbanismo onde se debatan de forma efectiva estes temas e os grupos da oposición poidan aportar en positivo, critica que lle bote culpa ao Sr.Sardiña polo pasado no 2005 cando representaba a outro partido e sen embargo acaba de dicir que ese concelleiro que estaba en AEC e estivo no PSOE no seu goberno de coalición José C. Rey non ten culpa ningunha, vostede mesmo esta a contradicir, e o mesmo pasa co partido socialista; segue insistindo na necesidade do segundo período de exposición pública, é preferible facer as cousas ben e non como se fixo co Penso.
Polo grupo Mixto: o concelleiro do BNG D. Iago Varela Martínez refírese a votación do punto anterior e artigo 105 do R.O.F. e R.X. das Entidades Locais, a Presidencia ordena que se limite ao punto da orde do día, prosegue o Sr. Varela Martínez indicando que está no uso da palabra e continúa co citado artigo 105, indicándolle a Presidencia que non está no punto da orde do día é a segunda advertencia e a terceira vaise do Pleno, continúa o Sr. Concelleiro indicando que o Plan Xeral de Ordenación Municipal proxecta un concello que non é o que queren para Cabanas, o BNG non vai poder votar nunca a favor deste PXOM.
O concelleiro de PDDdG D. Xosé Manuel Pérez Sardiña indica que houbo unha reunión co arquitecto que redactou o Plan Sr. De Vega e nesa reunión se foron explicando unha serie de cuestións que lle afectan de maneira substantiva ao PXOM, acaba de detallar unha relación importante de modificacións e este plan non se pode levar a aprobación provisional sen unha segunda exposición pública, pregunta que van facer co límite de alturas ante as modificacións que están a introducir, baixo máis dúas, baixo máis tres, poñen chalets ó lado, en resumo un caos, incluso aumentan dous andares as alturas das NN.SS. sen xustificación, pregunta que teñen pensado facer con esas alturas máximas irregularizables, que teñen pensado facer cos convenios como SUD1 (entre a vía, do tren e a N-651)?, que teñen pensado facer con convenios como o novo núcleo rural na zona de Chamoso que lle chaman O Pombal e vostedes din As Modias?, que van facer cos convenios que entroncan este plan cun urbanismo depredador do noso entorno para a especulación e non teñen relación con Cabanas?, quen pagou os traballos deses convenios que aparecen como anexos ó PXOM?. Algunha das modificacións que vostede citou parécenlle correctas, houbo moita xente que non soubo do abuso na zona rural, hai detalles que hai que poñerse a traballar en comisión, ten que traballar toda a Corporación xa que deben ter en conta que xa non teñen maioría absoluta, por iso piden información e tratar as cousas importantes.
O Sr.Alcalde aclara que dixo o do PXOM no 2005 aquel concelleiro naquel entón estaba gobernando co partido socialista, (protesta o Sr. Varela Martínez e a Presidencia indícalle que está advertido dúas veces e a terceira ten que abandonar o pleno; o Sr. Delfín Feal o outro día puido facerlle tódalas preguntas que quixera ao director do Plan, na comisión o único que se fai e levantar acta ( o Sr. Presidente advirte a Sra. Gayoso Pereiro por intervir) pero non hai problema en facer a comisión; sobre a segunda exposición pública non hai modificacións substanciais para elo, o problema vai ser seguir coas normas de 1987 e volver a iniciar o proceso e pedir os informes sectoriais, as alturas dos edificios están recollidas no PXOM e vai haber unha ordenanza onde vai quedar todo moi claro, tamén se modifica o recuamento nos termos que dixo o director, refírese tamén as alturas na zona da Madalena que deben indicarllo ao director do Plan, el non se vai opoñer, tamén haberá que dicirllo aos veciños que o mellor non poden facer nada nas vivendas, si se fai o PXOM cunhas boas ordenanzas é para recoller cousas e quede todo claro, así como que os técnicos non teñan dificultades á hora de emitir informes, non ten ningún interese solo busca a seguridade xurídica; en canto aos convenios estiveron a exposición pública, son un beneficio para o Concello que se fai con dotacións e zonas verdes, con parcelas para vivendas sociais e teñen que facer toda a urbanización, saneamento, abastecemento de auga, alumado, teñen que facer todo, alude a que en Adeza e Os Verxeles non se obtivo beneficio para o Concello; di que non se modificou a clasificación do solo, o outro día o director do plan deixouno claro; en canto a alturas a planta baixa tamén conta, está sen decidir edificacións singulares que teñen unha actividade e que non van a ser para outra, debe regularizarse; nos núcleos rurais tradicionais a parcela é a mesma que tiña e no núcleo rural común cóllese a parcela que ten, non a voleo, se queren reducir os núcleos redúcense pero explíquenllo a cidadanía, insiste en que as modificacións do plan non son substanciais para volver a exposición pública, pero se queren sacalo non se vai opoñer, pero posiblemente o equipo redactor abandone e haberá que facer un novo proceso.
O Sr. Feal Pereira define o que acaba de dicir ó final o Sr.Alcalde como unha actitude ameazante, non é certo que haxa que comezar de novo o PXOM, si o equipo redactor ameaza con que vai abandonar non sabe por que, comezou a súa tramitación mal por non contar coa oposición, solo catro días para ver a documentación para aprobación inicial e logo comeza a exposición pública, hai dous anos de paralización de obras o que implica que en xaneiro volverán as normas de 1987, nestes dous anos este concelleiro preguntoulle tódolos plenos polas alegacións e sempre dicía dentro de dous meses ata que en xaneiro de 2015 dixo despois de maio, claro temos eleccións; nos convenios a zona SUB1 é unha bolsa apetitosa en mans dunha buítre que non soltan carnaza, a porcentaxe de propiedade é relativa depende da referencia que se tome, hai bolsas diferenciadas, a postura do partido socialista sería que si ven un convenio digan a superficie, situación, que queren desenvolver e aí se desenvolve un plan parcial con dotacións e cesións, estruturas, etc. para que os colindantes se queren urbanizar terán que poñerse unhas directrices no PXOM pero non coller toda unha bolsa de terreo e dicir entras ou entras, iso debátese antes da aprobación inicial, critica o que considera curso de arquitectura que se deu polas parroquias, ó arquitecto se lle dan unhas directrices do que se quere facer e deberá axustalo a normativa, o que se pode e o que non, ese é o traballo de inicio, contar coa oposición; en canto a AR-2 o director do plan dixo que o pintara aí porque lle parecía ben, que causalidade que agora desaparece o vial e toda a AR-2, pregúntase si é ou non importante a comisión para mirar estas cousas.
O Sr. Varela Martínez sinala que o Sr. Alcalde di que os convenios benefician ao Concello pero pregúntalle que fixo cos dereitos dos veciños que os abandonou, hai que comezar de novo e facer as cousas ben.
A concelleira Da. Ma. Eva García Amor considera que as explicacións dadas polo arquitecto director do plan na última reunión foron bastante pormenorizadas, incluso se suxeriron zonas afectadas por Fomento, incluso dixo que se podían revisar zonas como A Torre sen problema, escoitou todo o que queriamos propoñer, hai que facer política pero tamén ser un pouquiño sinceros coa xente, con respecto ao solo urbanizable de Abanca pensa que ese día se puido propoñer quitar ese plan sectorial e a Alcaldía está a favor de escoitarnos tamén, de todas formas cree que é mellor que estea regulado a que se faga un caos urbanístico, eses terreos son maioritariamente de Abanca e polo que sabe, que lle corrixan si está equivocada, ten a potestade legal para urbanizalo; respecto as zona verdes respecta tódalas normas legais un 5 % de equipamento, 10% zonas verdes, solo está contando o que se falou ese día, pero ninguén propuxo nada ( o Sr. Presidente ordena silencio ó publico), insiste en que está contando o que se falou ese día desde o seu punto de vista. En cando aos ao dos plan que non saíron adiante, cree que son gastos enormes para soportar este Concello e debería regularse porque é un caos urbanístico e que non esteamos con normas de 1987, despois tamén cree que desde a Alcaldía se abren as portas e dixeron que tódolos acordos sectoriais que non estiveramos de acordo se podía falar, todos temos a vontade de sacar o PXOM para adiante.
O Sr. Pérez Sardiña considera que os que están aquí e os que estiveron nesa reunión foi para informarse porque descoñecían o fondo da situación, para tomar unha decisión do que queren facer hai que coñecer a situación do Plan, está cuestionando alturas, cuestionouse o SUB-1 no tema do dominio público hidráulico, chámanse ó 51 % da propiedade pero ese dominio está en cuestión, por aí pasa un río e sabémolo todos, estase a falar de convenios afectados polo dominio público marítimo-terrestre, é fácil facer convenios a conta do dominio público, pero aquí temos que falar de urbanismo e non meterse en charcas para entorpecer o PXOM, critica que na zona rural se dixera que o plan era moi bo estar fora de ordenación, había que meter o rural nunha disposición adicional en vez da normativa normal e agora moi malo e por iso se fan modificacións, fala da especulación do partido popular e a venda de terreos a fondos buitre, o arquitecto estaba afeito a traballar con maioría absoluta non cun PXOM participativo que é o que se está esixindo aquí, queren información e queren facer propostas e facer un PXOM para os veciños e sacar adiante un Plan que estea todo ordenado.
O Sr. Alcalde manifesta que agradece o dito pola concelleira Sra. Eva García porque foi o que realmente pasou na reunión; sobre a paralización das obras, déronse licenzas nestes dous anos e de edificios novos, hai que ler o documento do informe técnico ( o Sr.Presidente ordena silenzo no público) solo están paralizadas en determinados puntos, non é verdade que non se poida dar licenza ningunha; en canto a exposición pública haberá que pedir outra vez os informes sectoriais, nas reunións por parroquias se solucionan moitos problemas dos veciños, as alegacións do rural acéptanse preto do 100%, polo dito polo Sr. Sardiña enténdese que na estrada da Xunta a Murgardos quedarían fora de ordenación e non é verdade, as vivendas tradicionais teñen preferencia, nas disposicións adicionais se di claro que toda vivenda que teña licenza municipal non quedará fora de ordenación, o outro día xa se dixo que era fundamental o tema das ordenanzas despois dos planos onde quede todo ben recollido e ben claro, agora o Plan é público e pódese ensinar, as alegacións pódese informar pero non se poden enviar a ninguén ata que se aproben no pleno, despois subirase a páxina web e si é posible enviaráselle unha copia, a realidade é esa; queren respectar os dereitos dos propietarios e faise unha xunta consultiva onde vai estar o Concello vixilante e eles van ter moito que dicir nesa xunta, iso é respectalos dereitos dos propietarios, outra cousa é facer unha parte e outro non porque pode dar lugar a que algún non poida facer nada.

PIÑEIRAL. Marzo de 2016

11.- COMPARECENCIA SOBRE ACTUACIÓNS NO AREAL E PIÑEIRAL DA MADALENA. PROPOSTA CONCELLEIRO DE PDDdG. A seguir dáse lectura a moción presentada polo concelleiro de PDDdG relativa a comparecencia sobre actuacións no areal e no piñeiral da Madalena, considera que o Pleno da Corporación debe coñecer a xestión que está a levar a cabo o goberno local no areal e piñeiral da Madalena durante os últimos meses.Por elo propón ao Pleno a adopción do seguinte acordo:1. Que o/a responsable do goberno local compareza publicamente perante este Pleno, co obxecto de informar exhaustiva e detalladamente sobre a xestión do areal e do piñeiral da Madalena, limpeza e cortas.2. A Corporación require para o expediente desta comparecencia plenaria os proxectos, estudos, solicitudes, contratacións e resolucións e toda aquela documentación municipal relacionada co asunto no último ano natural.Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:Polo grupo Popular o Sr. Alcalde manifesta que van informar xa directamente ó Pleno. Toma a palabra o voceiro Manuel González López para dar conta dos traballos que veñen facendo no entorno do areal da praia de Cabanas e do piñeiral, espazos que forman parte dun conxunto paisaxístico e ecolóxico de gran valor polo que se require continuos traballos de acondicionamento e mellora para preservalo dos danos que se producen polas condicións climatolóxicas; as competencias municipais inclúen o mantemento das praias e dos lugares públicos de baño en condicións de limpeza, hixiene e salubridade, así como, salvamento e seguridade de vidas humanas. Na zona do Areal e parque infantil córtase o céspede con frecuencia segundo a época do ano, poda dalgunha árbore en outono, si hai problema de estabilidade procédese a súa tala, e retírase a folla da pista de xogos; dous días a semana pásase pola N-651 e paseo da Madalena para limpeza da vía e baleirado das papeleiras; tódolos anos o encargado e a aparelladora fan revisión do piñeiral e do entorno para analizar que traballos son necesarios para conservación e mantemento da zona, redáctase unha memoria e prepáranse os traballos, en outubro e novembro fanse as podas no aparcamento, no paseo e no piñeiral, unha vez pasado o inverno e temporais faise revisión da praia para limpar o material arrastrado polas mareas, retirando en primeiro lugar os troncos e ramas grandes mecanicamente e logo rastrearanse os restos que quedan. Na programación dos obradoiros Eume Emprende no que participaron tamén os concellos de Monfero e Pontedeume os alumnos estiveron realizando traballos de desbroce e limpeza, tamén participaron os alumnos do obradoiro Inicia desenvolvido en colaboración cos concellos de Ares e Fene, reitera que o Concello ten a obriga de manter, conservar e garantir a seguridade das persoas que visitan a diario este espazo natural.Polo grupo Mixto: o concelleiro do BNG Iago Varela Martínez opina que a comparecencia deixounos como estaban, é un tema serio sobre o que ten que dar explicacións pois houbo unha tala masiva no piñeiral que afectou a moitas árbores sans aparentemente sen permiso de ningunha administración responsable, pregunta polos contratos, porque se taparon os toros das árbores cortadas, porque saíron camións de noite, o BNG presentou preguntas para resposta neste pleno, e procede a dar conta para que si lle parece ben as conteste agora:- Cal é o motivo polo que se levou a cabo esta corta masiva no Piñeiral da Madalena?- Que persoa ou organismo ordenou dita corta?- Que persoa ou organismo coordinou os traballos?- Fíxose algún estudo medioambiental previo?- Cantas árbores se tallaron?- Que persoa ou organismo decidiu cantas e cales árbores había que cortar?- Por que esta corta afectou a exemplares sans e deixou, polo contra, outros enfermos?- Está prevista a repoboación? No caso afirmativo, cantas árbores se plantarán? – Que empresas realizaron os traballos?- Como tivo lugar o proceso de contratación destes traballos?.- No caso de que o Concello non teña. información con respecto a algunha destas cuestións,por que non se interesou por obtela, tendo en conta que as cortas de árbores no Piñeiral forman parte das súas competencias?A concelleira de AEC María Eva García. Amor non cree que alguén queira cortar as árbores sans, o primeiro que hai que facer e vir o Concello e preguntar cando hai tantas queixas, preocupouse e foi cun operario o piñeiral e comprobaron que se cortaron as que estaban podres por dentro e as caídas na vía, tamén preguntaron onde van parar os cartos da madeira e comprobaron que se botou grava onde se aparcan os coches, é moito mellor ir a comprobalo en persoa porque agora xa non habería solución.O concelleiro de PDDdG Xosé Manuel Pérez Sardiña considera que falta a documentación que se require no acordo, é importante que a teñan, tiñan preguntas preparadas para vindeiras datas que son moi concretas:- En canto foron taxadas as árbores que se cortaron no piñeiral? – Cal foi a poxa que fixeron para esas árbores?- Cantas árbores foron cortadas?- Que empresa retirou os piñeiros?- Canto custou a intervención?- Cantas árbores foron reprantadas?O Sr. González López pensa que non entenderon nada porque a que se lle vai ocorrer cortar unha árbore en perfecto estado, tan mal non estarán, recórdalle que vai o encargado coa aparelladora a facer un estudo cun presuposto, pode dispoñer del cando queira, fotos das árbores que non valen nin para astillas, permiso de Costas, incidencias de persoa que lle cae unha rama na cabeza, e de caída sobre coches que houbo que indemnizar, non se van deixar caer as árbores e quitalas cando lle caian a xente na cabeza ou nos coches.O Sr. Alcalde manifesta que tamén se fixo emerxencia social con algunha madeira que se cortou, a algunha familia necesitada entregóuselle algún remolque de leña que se sacaba.O concelleiro do grupo Socialista Carlos Ladra Brage sinala que non contestaron as preguntas que fixeron compañeiros da oposición, espera que na segunda quenda as acaben de contestar, o saneamento dos piñeiros está ben, pero hai árbores arredor de chiringuitos con risco de caída, quitaron piñeiros que non tiñan risco e outros que tiñan risco a día de hoxe están aí, alá vostedes.O Sr. Varela. Martinez resultalle considera curioso que os traballos cesaran despois de que fixeran a denuncia pública quedando árbores marcadas sen cortar, tódolos piñeiros desapareceron da mesma zona e agora os challets teñen unha boa vista cara a ría; para desgusto da Sra. García Amor, tamén veu o concello a preguntarlle o Secretario polos contratos que había e non hai absolutamente nada, aparecen agora por maxia, como fixeron, que contratos hai, son a pagar ou recibir cartos pola madeira, en canto a beneficencia entende que si non valía para nada agora resulta que vale para dar aos pobres.A Sra. García Amor di que lle gusta a transparencia, a verdade é que para evitar estes problemas se podería, mandar información do pleno e que non haxa tantas protestas polos veciños, soamente di o que comprobou en persoa, os piñeiros que estaban cortados eran podres ou caídos.O Sr. Pérez Sardiña non sabe porque non contestan as preguntas se están nesa documentación, estivo no Concello solicitando a consulta de documentación e a única que entrou por rexistro foi a autorización de Costas que prohibe a corta de vexetación, está informando non prexulgando, esa documentación tiña que estar no expediente, quere desde o día 4 de marzo que presentaron a denuncia concreten as árbores cortadas e que fixeron cos cartos, hai o problema do Decreto do ano 1971 que non aparece no PXOM e protexe especialmente o piñeiral e a vía do tren, está prohibida a construción nese piñeiral.O Sr. Alcalde en referencia a tala do piñeiro ao lado de chalets estaba totalmente seco e hai catro ou cinco anos o que estaba ao lado caeu encima desa casa, en canto aos outros piñeiros o informe da aparelladora nos di o que hai que facer, non se van talar os que di non é necesario talar, cando se xustifique que hai un piñeiro danado cortarase por responsabilidade de goberno e a lei nos obriga a facelo, non se pode impedir que a xente faga uso do piñeiral porque a normativa llo permite; o que se fixo foi atender as urxencias que dixo o informe técnico e o encargado, se fixo unha replantación e continuarase, son os primeiros interesados na conservación e mellora do piñeiral, pero os piñeiros teñen anos e como todo caduca e hai que repoñelos, polo tanto pasamos o punto seguinte.O Sr. Pérez Sardiña mantén o que respecta a solicitude de documentación, que non é a el solo, indica o Sr. Alcalde que a documentación xa se lle dará, para quen sexa vai estar en Secretaría.O Sr. Pérez Sardiña insiste na solicitude de que se vote, no primeiro punto da moción o Sr. González López da por concluída a comparecencia, xa se sabe quen é o responsable, agora o segundo punto é a documentación que non está no expediente do pleno, é importante e solicita a votación.O Sr. Alcalde vai someter o asunto a votación pero intervén a concelleira Sra. Gayoso Pereiro indicando que non procede a votación porque non se pide, solo pide a comparecencia.Despois dun pequeno debate, o Sr.. Alcalde considera que pide a comparecencia e non a votación polo tanto entende que non é necesaria a votación, e polo tanto pasar o asunto seguinte.O Sr. Pérez Sardiña pide conste en acta que nega a votación, e que iso non corresponde ao Sr. Alcalde.O Sr. Alcalde entende que non ten que votarse ese punto e como Presidente lle corresponde decidir.