DietasBlack

Resumiño

No pleno de organización en 2015 a marea local propuxo eliminar as Xuntas de Delegados da Alcaldía, órganos pensados para pagar sen control e sen cotizar á Seguridade Social soldos ocultos aos concelleiros do goberno, PP e PSOE tumbaron a proposta e aprobáronas. Así mesmo, a marea emendou os orzamentos de 2017 para suprimir 40.000 euros destinados para pagar asistencias a este órgano.

En marzo de 2017, a agrupación fixo unha proposta con plenos efectos legais para a anulación dos acordos de 2007, 2011 e 2015 que permitiron cobrar en fraude de lei as xuntas de delegados nos últimos 10 anos (ao redor de 300.000 €). En consecuencia, aprobar a proposta de supresión e devolución implicaba anular os cobros ilegais e reclamar as cantidades indebidamente percibidas polos delegados implicados. Coas probas recollidas polo concelleiro da marea o caso de Cabanas é claramente ilegal, incluso sería máis grave ca o caso de Valga, pero chamou moito a atención como os demais grupos desenfocaron o debate e análise da fraude de lei que comete o goberno local co apoio de parte da oposición. Os seus motivos terán. PP e AEC votaron en contra, PSOE -que aprobou estas xuntas en 2015- abstívose e BNG votou a favor dun “acordo sen efectos”, segundo a súa particular interpretación.

A primeira consecuencia desta proposta da marea chegou un mes despois e recoñece que as Xuntas de Delegados celebrábanse en fraude de lei: o goberno local nomeou un funcionario para levantar acta.

Emenda de supresión dos 40.000 euros correspondentes ás Xuntas de Delegados (decembro de 2016)

Proposta de supresión e devolución das indemnizacións ilegais por asistencia:

Debate no Pleno de marzo de 2017:

2.- ÓRGANOS COLEXIADOS COMPLEMENTARIOS E ASISTENCIAS PERCIBIDAS. PROPOSTA CONCELLEIRO DE PDDDG.Vista a proposta do concelleiro de PDDdG sobre órganos colexiados non previstos na Lei de Bases de Réxime Local e as asistencias deles percibidas, na cal alude aos órganos colexiados segundo o disposto no artigo 20 da LBRL, a carencia de Regulamento Orgánico e que a Corporación de Cabanas aprobou en xullo de 2011 e xullo de 2015 xuntas non previstas na lei que o Pleno debería revisar e axustar á normativa, indica que a Xunta de Delegados custoulle á veciñanza en 2016 arredor de 30.000 € sen cotizar a S.S. e solo gravada por IRPF, ademais non teñen funcións, solo serve para cobrar sen declarar que teñen salario. En xullo de 2015 propuxo que non se cobrase por Xunta de Delegados, Xunta de voceiros e órganos externos, sen embargo a proposta foi tumbada, fai referencia ao establecido no artigo 75 da LBRL e propón ao Pleno o seguinte acordo:
Abrir expediente de revisión dos acordos sobre órganos colexiados e asistencias de xullo de 2015 e nomear instrutor ao secretario da Corporación.
Regular os órganos colexiados de acordo coa lei.
Suprimir as asistencias a Xunta de Delegados, órganos externos e Xunta de Voceiros e modificar en consecuencia a base de execución correspondente do orzamento en vigor.
Instar a que se reintegren as asistencias a Xunta de Delegados, Xunta de Voceiros e órganos externos percibidas indebidamente desde o prazo legal de non prescrición.
Visto o ditame desfavorable da Comisión de Asuntos do Pleno de data 23 de marzo de 2017.
Visto o voto particular presentado polo concelleiro de PDDdG no grupo Mixto Xosé Manuel Pérez Sardiña, co cal achega copia de peticións de información, e insiste na necesidade de revisar os acordos de 2011 e 2015, así como de 2007, citando sentenzas do TS 763/1999 do 8 de febreiro, e 9152/2000 do 13 de decembro, cita o disposto no artigo 75.3 da LBRL e alude tamén aos formularios de asistencia a Xunta de Delegados entregados despois da Comisión de Asuntos do Pleno, sen asistencia de funcionario público, falta de firma da Alcaldía, sen orde do día e convocatoria, e por elo formula a seguinte proposta de acordo:
Abrir expediente singulares de revisión dos acordos sobre órganos colexiados e asistencias para xullo de 2015, para xullo de 2011 e para xullo de 2007 e nomear instrutor dos tres expedientes ao secretario da Corporación.
Regular os órganos colexiados de acordo coa lei.
Suprimir as asistencias a Xunta de Delegados, órganos externos e Xunta de Voceiros e modificar en consecuencia a base de execución correspondente do orzamento en vigor.
Instar a que se reintegren voluntariamente as asistencias a Xunta de Delegados, Xunta de Voceiros e órganos externos percibidas indebidamente desde o prazo legal de non prescrición.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo Socialista: o voceiro Delfín Feal Pereira considera que é un punto transversal a organización do Concello, fala das negociacións realizadas polo grupo socialista para formar goberno despois das eleccións e a organización que pretendía na cal se incluía a existencia de Xunta de Goberno Local e outros órganos, no descanso da sesión substituíuse pola existencias da Comisión de obras, servizos, urbanismo e emprego que tamén proporiían, comisión que aceptaron inda que tamén aceptarían a XGL, entende que esta proposta ven polos cambios de finais do ano pasado, o grupo de goberno está en minoría e busca maior estabilidade e a voceira de AEC entra no goberno; cando se fala do concello de Valga entende que non é semellante, nas reunións de voceiros no tema de contías nunca se entrou en profundidade, as actuacións de concelleiros tanto de goberno como oposición necesitan asignacións e se podería facer un estudo, a Xunta de Delegados é un órgano interesante, si fose alcalde a crearía, quen ten que explicar o cambio de postura é a concelleira de AEC, podíase facer estudo que clarifique o asunto, logo os puntos 3 e 4 sería consecuencia do que resultase dos puntos 1 e 2, si o debate é a contía que se baixe a todos.
Polo grupo Mixto: o concelleiro do BNG Iago Varela Martínez opina que o tema polo que xa preguntaron sen ter resposta, é gravísimo, hai proceso xudicial no concello de Valga e haber que pasa, alégrase que a súa labor de control inspire tamén propostas doutros grupos, están de acordo co que se pide na moción e non debería existir ese órgano, a moción non pode obrigar aos membros do goberno formado por PP e AEC porque non se cita a AEC e cobra asistencias a Xunta de Delegados a pesar que no pleno de organización votou en contra, para obrigar a devolución das contías cobradas ten que haber sentenza xudicial, a moción solo expresa unha vontade do pleno.
A concelleira de AEC María Eva García Amor non entende a posta en tela de xuízo despois dos anos de vixencia de órganos colexiados aprobados por maioría no pleno de xullo de 2015, si hai que revisalos cada pouco é que non se quere respectar as decisións democráticas da maioría, desde AEC tampouco se vía ben a creación de varias destas comisións pero aceptouse a decisión maioritaria do pleno, o cidadán non ten confianza nas institucións e nos politicos en xeral moitas veces con razón polas actuacións duns poucos que meten a todos no mesmo saco, non entende que a proposta se realice a estas alturas nin o motivo porque non se propuxo antes.
O concelleiro de PDDdG Xosé Manuel Pérez Sardiña indica que a situación quedou clara despois de exporier o voto particular, en xullo de 2015 PP e PSOE aprobaron un saco sen fondo do que se tiran soldos encubertos que non cotizan a Seguridade Social, aprobaron xuntas sen informe xurídico, solicitou informe de Secretaría que non sería necesario se fosen responsables e rectificasen, hai un fraude de lei e aquí bloquean os informes, convidar na comisión de Asuntos do Pleno a ir vía xudicial é un insulto a proposta de solución pola vía politica, o PP introduciu en 2007 unha Xunta de delegados á marxe da lei pero foi a partir de 2011 cando se converteu en contía maior xusto cando a xente comezaba a pasalo mal pola crise, soben os impostos para cobrar sobresoldos; non existe regulación da Xunta de delegados, non se sabe o que acontece, non hai actas nin funcionario que certifique, nin sequera sito de celebración, votaron en contra da súa creación e considera que non hai diferenza coa situación no concello de Valga, só que ali cobran 60 euros e aquí 150 e hai nove concelleiros imputados por prevaricación.
Polo grupo Popular: a concelleira Esperanza Gayoso Pereiro sinala que a organización municipal réxese polo artigo 20 da Lei 7/1985, do 2 de abril, normativa básica estatal, regulación autonómica sobre réxime local, regulamento orgánico municipal e regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, a xunta de delegados inda que non apareza configurada de forma expresa como órgano necesario complementario nada impide que os concelleiros con delegacións se reúnan a efectos de coordinar as súas competencias, este órgano é posible segundo o artigo 132 do ROF ó cal da lectura, tamén alude ao artigo 75 da Lei 7/1985 e a continuación da lectura ao acordo adoptado polo Pleno da Corporación en data 9 de xullo de 2015 sobre a creación de órganos complementarios, indicando que na mesma sesión se aprobou a contía das asistencias a órganos colexiados, que figuran tamén nas bases de execución do orzamento.
O Sr. Feal Pereira reitera que está de acordo coa acta do pleno organizativo porque así o ía a facer no caso de gobernar, están de acordo co 1° e 2° punto da moción, si hai que facer un novo estudo de organización pode facerse pero non solo desta comisión, hai que facelo en profundidade, volve a facer referencia ao asunto no concello de Valga, en Cabanas non hai saco sen fondo, están abertos ao debate e ao mellor hai que pedir responsabilidades a outras persoas pero non ao grupo socialista, alude de novo as negociacións para formar goberno despois das eleccións, finalmente opina que se está a entrar en demagoxia dando a sensación de que cobran por non facer nada, o mellor hai que reformular as contías.
O Sr. Varela Martínez considera que moitas cousas expostas aquí teñen que ver co proceso que está no xulgado e cuxo resultado se descoñece, e que non se traslada directamente a Cabanas, por iso decide agardar a evolución,é conveniente informe de Secretaría e reitera a pregunta feita no pleno de xaneiro, non está seguro de que sexan legais ou ilegais, vostedes PP e AEC como gobernantes deben asegurarse que non se está a cometer ilegalidade, este tema está relacionado co modelo de concello que defenden os grupos maioritarios, alude ao soldo do alcalde e a postura do BNG foi de dedicación ao 100°/0, máis órganos de participación e menos de goberno.
A Sra. García Amor quere deixar claro que non é solo a xunta de delegados, tamén está a xunta de voceiros da que non fala a oposición e da que forman parte, nin lle consta que devolveran voluntariamente nin un euro, alude tamén a que en Valga estes órganos non foron creados polo Pleno, eran xuntanzas sen respaldo legal; en canto a negociacións para formar goberno AEC non vía conxunción dos catro grupos da oposición e iso quedou claro en varios plenos a hora de facer oposición, en ano e medio non foron capaces de propoñer nada en común.
O Sr. Pérez Sardiña di que falan de Valga como si coñeceran o caso, fai mención a documentación que presentou coa moción e as solicitudes de información, non hai convocatoria nin informe xurídico, as propostas no pleno de organización foron presentadas no momento e non puideron ser informadas, a responsabilidade é politica, os órganos dos que falan vostedes son os alcaldes de barrio, aparte que tería que haber regulamento orgánico, pide buscar unha solución politica sen demagoxias, que se emita informa e se eliminen estas sobresoldos, non quere titulares por ter o grupo de goberno imputado, tende a man para resolver este fraude da xunta de delegados.
A Sra. Gayoso Pereiro manifesta que non vai entrar en acusacións vertidas aquí, nin en mentiras, nin en manipulacións, e da lectura a un informe xurídico no cal despois de analizar os puntos conclúe “polo tanto non concorre causa de nulidade de pleno dereito pois o acordo de creación destes órganos foi adoptado polo pleno do Concello en exercicio das súas competencias que lle permite crear órganos desconcentrados e descentralizados para a xestión de servizos, polo que non procede iniciar procedemento de revisión de oficio solicitada polo voceiro do grupo mixto”, por elo votarán en contra da moción presentada.
Debatido o asunto, o Pleno da Corporación en votación ordinaria con dous votos a favor do concelleiro do BNG e concelleiro de PDDdG, seis en contra dos membro do grupo Popular e concelleira de AEC, e tres abstencións dos membros do grupo Socialista, acorda rexeitar o voto particular e a proposta presentada polo concelleiro de PDDdG.