REGULAMENTO DE PRIMARIAS

Esta iniciativa cidadá proponlle á xente de Cabanas que sexa protagonista central do cambio que precisa o Concello. A cidadanía decide en que persoas confía para presentar nunha candidatura ás eleccións. Estas eleccións primarias serán un proceso libre, aberto, igualitario e participativo. Aplicamos un proceso absolutamente transparente e democrático.

QUEN ARBITRA O PROCESO? Xestión do proceso electoral:

A dirección do proceso electoral e todas as cuestións relacionadas con el correspóndelles ás persoas delegadas pola asemblea.

QUEN PODE VOTAR? O censo electoral:

As primarias serán abertas a todas as persoas maiores de 18 anos de Cabanas que queiran participar nelas.

Para poder participar neste proceso só será preciso asinar o manifesto desta iniciativa en Cabanas. As persoas delegadas habilitarán os medios (folla de sinatura, mail, web…) para a difusión e control do cumprimento das condicións.

Os datos recollidos no proceso de votación serán incorporados e tratados nun ficheiro titularidade da iniciativa cidadá para o seu uso exclusivo neste eido de acordo co artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.

A QUEN SE PODE VOTAR? Ás persoas aspirantes inscritas na web entre o 11 e o 16 para cubrir os 5 primeiros postos:

Cada persoa aspirante comprométese a asinar por escrito o compromiso de cumprimento e defensa do programa, do código ético e dos principios e obxectivos desta iniciativa cidadá acordados con En Marea.

CAMPAÑA ELECTORAL – COMO SERÁ A CAMPAÑA ELECTORAL DAS PRIMARIAS?

Cada candidato/a poderá achegar para a súa difusión polos medios de que dispoña a Marea de Cabanas entre o electorado unha breve descrición da súa traxectoria e experiencia na vida política, social, laboral, educativa… tanto a nivel local como supralocal.

SISTEMA DE VOTACIÓN – CANDO E ONDE SE PODE VOTAR?

As primarias realizaranse utilizando listas abertas e desbloqueadas, indicando preferencias. Escolleranse as cinco primeiras persoas da candidatura electoral e do posto seis en diante acomodarase segundo a preferencia persoal.

No caso de empates ou escollas concorrentes aplicarase primeiro o criterio corrector de xénero e se persistise o empate por orde alfabética do primeiro apelido, contando desde a letra que resulte dun proceso aleatorio.

Primarase especialmente o voto presencial, podendo votar telematicamente sempre que se solicite motivadamente a través de correo electrónico antes da data de votación.

Papeleta I:

A elección de candidatos/as realizarase por un sistema de listas abertas e desbloqueadas onde cada elector/a poderá sinalar as súas preferencias indicando con un 1 o/a candidato/a preferido/a, con un 2 o segundo e así sucesivamente ata o número total de persoas candidatas.

O reconto realizarase mediante o método Borda corrixido e sairá gañadora a persoa que máis puntos sume. Utilizarase a seguinte táboa para o reconto:

CANDIDATOS/AS A B C D E
PREFERENCIAS 1 2 3 4 5
PUNTOS 8 6 4 3 2

Na votación sobre a denominación da candidatura figurarán as opcións SOMOS CABANAS e espazo en branco no caso de a persoa electora ter outra proposta. O reconto será voto a voto e sairá gañadora a opción que máis votos leve.

CALENDARIO:

23 de marzo:

Votación presencial no local da Marea en Cabanas das 16.00 h ata as 20.00 h para a elección de candidatos/as ós cinco primeiros postos e denominación local da candidatura.

Tanto as persoas delegadas como a asemblea desta iniciativa cidadá poderán modificar de forma motivada as datas para favorecer a máxima asistencia e participación.