A marea defendeu un orzamento social contra a crise en 2018
O Pleno dos orzamentos celebrouse o pasado 29 de decembro a partir das 19.30 h, cos tradicionais apuros para completar os documentos do expediente, precedido da convocatoria da Comisión de Facenda con noiteboa e nadal polo medio. Tal e como manifestou con retranca o voceiro da marea un ano máis “entre turrón e turrón hai que roer as partidas do orzamento”. O Pleno rematou coas preguntas de dúas persoas afectadas pola demolición do Penso e a fuxida do alcalde da sala sen contestar.
Esta situación mereceu as protestas unánimes da oposición e conseguiu que houbese vontade conxunta de achegar melloras á tramitación do proxecto contable co fin de conseguir maior transparencia e participación. Así, a marea local conseguiu que a oposición apoiara un calendario aberto e flexible para tramitar o Orzamento para 2019, rexeitado polo PP que se negou a aceptar os seus erros reiterados nos últimos anos.
O orzamento prevé 2.687.533,00 € de ingresos e gastos e, tal e como manifestou o concelleiro da marea local, contraeuse en 85.300 € respecto ao orzamento de 2015 (-3%) a pesar das subas e actualizacións da contribución e das taxas municipais. Isto demostra como o goberno local distribúe “os recursos en obxectivos deficientemente artellados ou improdutivos que finalmente pagarán os veciños en vindeiras lexislaturas con máis impostos”.
O representante da marea local constatou a caída acusada de ingresos polo ladrillo: en 2015 foron 15.000 €, en 2016 acadou 21.000 € e no pasado 2017 apenas 13.000 €. O PXOM está parado polo goberno local e tampouco se prevé aprobalo para 2018, “será o gran fracaso” do alcalde porque se basea en previsións irreais de recuperación do mercado inmobiliario. Criticou ademais que o goberno local gasta máis en locomoción e dietas (5.400 € gastado, 90%) que todos os traballadores do concello (1670 € gastados, 32%) e que é incapaz de xestionar 3.000 € en axudas sociais de emerxencia (apenas 1.710 € gastados, 57%).
As emendas da marea local sumaron 173.000 € e centráronse en reducir motivadamente asesorías externas en informática, comunicación e asesoría xurídica, atencións protocolarias, publicidade e propaganda, Festa de Santa Marta, dietas black ou paseos en gamela. Estes recursos destinábanse a investimentos reais, atencións sociais, dinamización empresarial e coidado do patrimonio histórico-artístico. Así mesmo tamén elaborou un anexo de investimentos alternativo cara a dotar de servizos de abastecemento e saneamento e reparar camiños en mal estado demandados polos veciños. O PP tumbou os votos particulares aplicando o pisón, grazas á abstención de PSOE e Agrupación de Electores.
Xosé Manuel Pérez Sardiña criticou a deficiente tramitación porque un ano máis non se coñecen as propostas dos veciños no expediente e a documentación chega tarde no medio das festas de nadal, a caída de ingresos polo ladrillo, o PXOM fantasma, a parálise na creación dunha taxa ás liñas de alta tensión e gas ou na alta en catastro da parcela da peaxe en Vilar do Colo, as facturas e danos sen arranxar no derribo da 1ª fase do Penso e a xestión a través de técnicos externos deste asunto e doutros. E contrapuxo propostas encamiñadas a atender servizos sociais e básicos, pola creación de emprego, fomentar a produción e o comercio local para combater a crise cos recursos dispoñibles.
Podes consultar os votos particulares: Votos particulares. Cabanas. Orzamentos 2018