Aberta a inscrición da candidatura ás eleccións locais
A iniciativa cidadá nucleada arredor da asemblea de Somos Maioría en Cabanas, que en agosto pasado xa validara co 1% de sinaturas veciñais a decisión de presentarse ás eleccións locais, abriu o pasado 16 de febreiro un “primeiro período de inscrición para aquelas persoas interesadas en presentarse nun proxecto de unidade popular polo cambio en Cabanas”.
Logo de pasar o primeiro prazo o 20 de febreiro, a cidadanía demostrou compromiso e interese en impulsar a candidatura cidadá. Así, en menos dunha semana, a iniciativa Polo cambio en Cabanas conseguiu as persoas voluntarias para completar a lista ás eleccións municipais a través da inscrición aberta e pública en Internet a toda a xente de Cabanas.
Despois deste éxito, a asemblea cidadá decidiu abrir un segundo período de inscrición para participar nunha alternativa ao actual goberno do PP. Desta maneira, a asemblea deixa as portas abertas á incorporación daquelas persoas que se comprometan co código ético e coas liñas programáticas básicas.
As persoas candidatas expresaron a través dos seus comentarios os motivos que as levan a apuntarse á candidatura de unidade popular: “porque considero a actividade pública como un servizo aos cidadáns, penso que a cidadanía ten que recuperar as institucións”, “para axudar aos veciños!”, “por un novo concello”, “para acadar o cambio en Cabanas que tan necesario é”, “quero participar na devolución aos veciños de Cabanas do control do Concello”, “non quero que ninguen decida por min, nin decidir eu por ninguen”, “porque creo que debe haber un cambio político no concello con máis transparencia e participación veciñal” ou “para derrotar a Castrillón”.
Código ético e liñas programáticas
Así mesmo tamén están abertas a participación veciñal ata o vindeiro 28 de febreiro o código ético da candidatura e mais as liñas programáticas básicas.
Imputación por desobediencia a Castrillón
Sobre as novas xudiciais que xurdiron esta semana, a asemblea preveu no código ético da candidatura un apartado polo que a apertura de xuízo oral por corrupción impide presentarse na lista electoral e mesmo no caso de ser electo debería abandonar o cargo da Corporación.
A asemblea, que decidiu loitar polos dereitos sociais dos cidadáns, exixe dignificar a vida política e mostrar un comportamento exemplar asumindo as responsabilidades para que a cidadanía poida confiar outra vez nos políticos.
Ademais, temos constancia de que os concelleiros non adscritos, preocupados polos efectos para o concello dunha eventual inhabilitación do rexedor, preguntáronlle a Germán Castrillón pola súa situación procesual en novembro e recibiron a evasiva como resposta:
Pregunta ao alcalde no Pleno de novembro de 2014:
-O Sr. alcalde foi imputado pola Fiscalía e seguimos sen información concreta sobre o asunto tras duas novas na Voz de Galicia en que se apunta que Germán Castrillón Permuy esta imputado por un delito contra as Administracións Públicas. En que situación procesual se atopa o alcalde de Cabanas?
-Que novidades houbo sobre o asunto nestes meses?
Resposta:
-A situación segue a mesma, non é coñecedor de máis cousas, entende que non esta imputado, non esta de acordo coa Voz de Galicia.