Os concelleiros non adscritos plantan o alcalde de Cabanas polo PRUX
Os edís abandonaron o pleno extraordinario urxente porque o alcalde se negou a incluír no debate as alegacións dos veciños ao PRUX das Fragas do Eume e por coartar o acceso á documentación municipal.
O pasado venres, antes da convocatoria do Pleno, os edís solicitaran por escrito que o Concello debatese e votase as alegacións ao PRUX das Fragas do Eume propostas polos propietarios. Non obstante, o alcalde ignorou esta solicitude e confirmou que deixará pasar o prazo sen que o Pleno presente alegacións. Esta situación contrasta co acontecido no Pleno de Pontedeume que xa acordou a favor dos intereses xerais dos veciños.
Así mesmo, os edís denuncian que o alcalde leva entorpecendo o acceso a documentación solicitada por escrito durante tres meses seguidos. No pasado pleno ordinario preguntouse por máis dunha trintena de documentos pendentes e xa se negara a contestar.
“PATIO PARTICULAR”
A iniciativa levada a cabo polos concelleiros da oposición sorprendeu ao equipo de goberno. Incluso o alcalde non ofreceu “ningún argumento” para excluír as alegacións ao PRUX e os concelleiros non adscritos ínstano “a dar unha explicación aos cidadáns ante o abandono das súas obrigas como alcalde”. “Fraco favor fai aos intereses dos veciños afectados polo PRUX rexeitando presentar alegacións desde o Pleno, parece que goberna o seu patio particular”.
O Pleno proseguiu coa ratificación da urxencia da sesión e aprobou solicitar un préstamo á Deputación provincial e mais os obradoiros de emprego Reinicia II e Eume emprende.