Resumiño do Pleno ordinario de marzo de 2017
A sesión ordinaria do Pleno este 29 de marzo debateu a proposta da marea local para suprimir os sobresoldos encubertos da Xunta de Delegados. A situación actual en fraude de lei foi aprobada por PP e PSOE en 2015, sen informe de secretaría e sen base legal para cobrar soldos superiores ao SMI sen cotizar á seguridade social. Saíu adiante a proposta da Marea local sobre o oito de marzo con propostas concretas como incentivar a contratación de mulleres e desenvolver actividades escolares e asociativas encamiñadas a lograr a igualdade de xénero.
Neste pleno a veciñanza realizou dúas preguntas para denunciar que o concello ten abandonados os camiños e mais para recriminar a falta de contestación a alegacións do PXOM, rueiro e outros. As contestacións foron as habituais, pero o PP neste pleno atacou sen contemplacións a todo o mundo.
Así, a actitude do goberno local foi despótica cos concelleiros da oposición. O alcalde interrompeu o edil do Bloque na exposición dunha moción e logo faltoulle ao respecto ao edil de Somos Cabanas na quenda de preguntas orais. Isto último motivou a marcha airada dalgúns veciños fartos de que o alcalde interrompa e machaque á oposición. E xa ao remate do Pleno, Castrillón permitiulle a Esperanza Gayoso interromper e mesmo faltarlle ao respecto ao último veciño que preguntou. A nosa solidariedade e apoio ao veciño afectado.
Parte resolutiva
1.- Aprobación se procede de acta de sesión anterior. Novembro 2016. TODOS A FAVOR
2.- Proposta da marea local sobre órganos colexiados e asistencias deles percibidas. Informada desfavorablemente na Comisión de Asuntos de Pleno. Voto particular da marea local consecuencia do ditame negativo da comisión. Rexeitado
PP e AEC en contra, PSOE abstívose, a favor BNG e Somos Cabanas:
- Abrir expedientes singulares de revisión dos acordos sobre órganos colexiados e asistencias para xullo de 2015, para xullo de 2011 e para xullo de 2007 e nomear instrutor dos tres expedientes ao secretario da Corporación.
- Regular os órganos colexiados de acordo coa lei
- Suprimir as asistencias a Xunta de Delegados, órganos externos e Xunta de Voceiros e modificar en consecuencia a base de execución correspondente do orzamento en vigor.
- Instar a que se reintegren voluntariamente as asistencias a Xunta de Delegados, Xunta de Voceiros e órganos externos percibidas indebidamente desde o prazo legal de non prescrición.
Exposición do voto particular
Primeira intervención:
Segunda intervención:
Atopámonos con PP e AEC pechados en banda e sen que ninguén, fóra de Somos Cabanas, lles fixese oposición real e con argumentos contundentes que se poden escoitar nos vídeos de arriba.
O portavoz do grupo socialista centrou a súa intervención en xustificar o seu voto favorable no Pleno a estes órganos e a que cobrasen 150 €. Envolveuse nunha espiral de emendas ao aprobado hai dous anos, divagacións sobre o proceso de negociación para un goberno alternativo ao PP… pero finalmente xustificou que as Xuntas se tiñan que seguir cobrando e que o caso de Valga, segundo el, non tiña nada que ver con Cabanas. O grupo socialista abstívose.
O edil do Bloque, na primeira intervención, amosou o seu apoio á proposta de Somos Cabanas e fixo algo de política-ficción. Logo na segunda intervención dubidou sobre a legalidade ou ilegalidade do órgano de Cabanas, repreguntoulle ao alcalde se o consideraba legal e sumouse á preocupación do concelleiro da marea por ter outra vez un goberno local imputado. Votou a favor.
A concelleira de AEC foi máis virulenta na xustificación dun órgano ao que votou en contra e mesmo criticou porque permitía recibir soldos sen cotizar á seguridade social. Defendeu a legalidade destes órganos, insistiu nas supostas diferenzas con Valga e criticou que os compañeiros do grupo mixto non renunciasen ás asistencias da Xunta de Portavoces, cuestión esta que non contrastou co compañeiro de Somos Cabanas, faltando á verdade. Votou en contra.
O grupo do Partido Popular, defendido nesta ocasión por Esperanza Gayoso, fixo referencia ás leis que incumpren e rexeitou a proposta de Somos Cabanas porque crían que a Xunta de Delegados é homologable ao goberno dunha parroquia, totalmente absurdo e inexplicable. O grupo popular votou en contra.
Os argumentos xurídicos do PP e as apelacións a que Cabanas non é equiparable a Valga de PSOE e AEC foron rebatidas só pola marea local. Así, Xosé Manuel criticou os formularios chapuceiros que xustifican os pagamentos e descubriu no mesmo momento que o PP confundía órganos territoriais, como xuntas parroquiais ou alcaldes pedáneos, coa Xunta de Delegados. Para el un claro fraude de lei, concluíu.
3.- Moción do BNG sobre IBI autopista. TODOS A FAVOR
Neste punto, o alcalde interrompeu a exposición de motivos do edil do Bloque sen explicación e obrigouno a ler o posto na moción. Para a marea local foi unha actuación absolutamente fóra de lugar e sen xustificación que se encadra no ordeno e mando habitual da maioría absoluta. Queremos deixar constancia da nosa solidariedade co concelleiro afectado.
O goberno local informou que xa se estaba cobrando a contribución máxima á autopista e que só está pendente de que o goberno do Estado elimine a bonificación do 95% que goza. En canto o goberno central suprima esta bonificación pasará a tributar ao 100%. Os grupos amosáronse todos de acordo.
O concelleiro de Somos Cabanas consultou as parcelas afectadas no catastro de acceso público e advertiu que só dúas parcelas da AP9 eran consultables publicamente e pola contra a terceira desde o camiño dos Chaos ata Vilar do Colo non había referencia catastral accesible. Suxeriu que os servizos administrativos comprobaran se a autopista de peaxe paga contribución por este último tramo.
4.- Proposta da marea local sobre o 8 de marzo, día internacional da muller traballadora. TODOS A FAVOR
Proposta modificada segundo as achegas na Comisión: o texto do punto 2 foi reorientado pola marea local á contratación de persoal para buscar un consenso de todos os grupos. No punto 3, a marea aceptou ampliar a todo o ano a realización de actividades por suxestión dos grupos popular e socialista, e ademais ampliou a entidades asociativas por suxestión do grupo socialista. Os acordos foron:
- 1. Fomentar a conciliación laboral e familiar das traballadoras que residen no noso concello e do persoal municipal.
- 2. Incluír cláusulas de contratación semellantes ás das subvencións da Deputación da Coruña e da Xunta que establezan unha valoración positiva na selección para contratar traballadoras.
- 3. Programar actividades durante todo o ano para os centros escolares e para as entidades asociativas locais co obxectivo de lograr a igualdade efectiva entre homes e mulleres.
5.- Ratificación de resolucións da alcaldía. TODOS A FAVOR:
a) Subvención parques empresariais (Cabanas e Fene): mellora infraestruturas viarias
b) Subvención parques empresariais (Cabanas e Fene): mellora eficiencia enerxética no alumado público
c) Solicitude Consellería Política Social cofinanciación de servizos sociocomunitarios.
d) Solicitude Deputación provincial para financiación de servizos sociocomunitarios.
Parte de control órganos da Corporación.
8.- Informes da Presidencia.
9.- Rogos e preguntas.
Preguntas orais de Xosé Manuel Pérez Sardiña
- Sobre o Penso preguntamos se se fixera a certificación final de obra, se se pagaran as indemnizacións e os gastos de realoxos. O alcalde intentou sen éxito dividir a pregunta en tres. Nada do preguntado está feito.
- O goberno local dedícase ao control político dos pais e nais do CEIP Eladia Mariño xa que recibiron chamadas para preguntar “quien le dijo a Sardiña el problema de matrícula en el Fragas”. O alcalde pódeme concretar que membro do seu goberno ordena o control político sobre os pais e nais do CEIP Eladia Mariño e que medidas vai adoptar á vista desta pregunta?
- Orange Espagne iniciou obras que afectan á N-651 e a Demarcación de Carreteras do Estado requeriu informe do Concello. En que consisten estas obras e cal foi o motivo polo que Carreteras solicitou o informe?
- Que medidas adoptou o concello en relación á Casa de Xan Ares? Hai algunha novidade?
Preguntas escritas de Xosé Manuel Pérez Sardiña
O alcalde intentou boicotear as preguntas do concelleiro da marea local, debía ter apuro pra ir ver a televisión. Primeiro, o alcalde tratou de facer dunha pregunta tres, Xosé Manuel deulle unha lección de gramática e advertiulle de que estaba vulnerando dereitos básicos recollidos no artigo 23 da Constitución. Logo o alcalde intentou recortar a pregunta oral do concelleiro, e volveu fracasar porque non contou ben as preguntas. Germán Castrillón estoupou ao quedar sen argumentos e faltoulle ao respecto a Xosé Manuel, feito que lle valeu a reprobación do público presente. Nas preguntas dos veciños foi Esperanza quen lle faltou ao respecto a un veciño sen que o alcalde tomase medidas. Solidarizamos coa valentía deste veciño para facerlle fronte ao caciquismo.
O PP non quere participación nin control e fai imposible un labor tranquilo e respectuoso de oposición. A situación agrávase pola falta de oposición real ao PP, de aí que esteña medrado e abusando dunha situación de maioría absolutista. Fíxose evidente neste pleno a falta de preparación dos asuntos e de bastantes cousas para ter unha alternativa. Hai que lamentar que se reforce o regate curto e o debate do detalle para a galería en vez de combater as manipulacións do Partido Popular.
Conclusión, a cidadanía desde abaixo vai ter que construír o cambio que fai falta.
PREGUNTAS
- En anteriores sesións propuxen a creación de prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con diversidade funcional na zona comercial do Areal. Realizou o goberno algún estudo para colocar unha praza por cada corenta aparcamentos tal e como establece a lei? En que lugares concretos valoran situar as prazas de aparcamento reservadas para persoas discapacitadas? Cando vai sinalizar estas reservas?
- A alcaldía de Cabanas recibiu providencia do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia onde se require o outorgamento de licenza municipal para executar a sentenza da primeira fase do edificio O Penso, as obras contratadas e inda non rematadas segundo plenos anteriores polo goberno local.
Cales son os motivos reais polos que o concello de Cabanas nega a licenza de obra anulada polos Tribunais de Xusticia e incumpre a sentenza do Tribunal Supremo?
- No pleno do 30 de setembro de 2015 a Corporación aprobou a moción da marea local sobre transparencia municipal onde se debería ter tramitado unha ordenanza de transparencia, colgar na web as contas xerais e as retribucións, asistencias e indemnizacións percibidas polo alcalde e o edís. Pasado ano e medio da súa aprobación pensa o goberno local cumprir este acordo plenario? Ou igual non interesa ser transparente polo tema das asistencias ou por informes do PXOM que son desfavorables e logo serven para responder alegacións con enganos?
- Os veciños teñen que pagar imposto de IVTM ó concello para circular por camiños tercermundistas. Na “Travesía da Costa” na parroquia de Porto hai uns baches que dificultan pasar co coche e expoñerse a pinchar unha roda. Ten previsto o goberno local pavimentar este camiño?
- No rueiro municipal non aparece reflectido o camiño vello de titularidade municipal. Tampouco aparece a rúa que baixa desde o Centro de Saúde dando entrada a varias casas e ao terreo urbanizable do Sareb. O camiño de Socasal tampouco aparece.Ten pensado o concello publicar no BOP a aprobación definitiva deste rueiro? Non sería mellor inventariar camiños antes de nomealos? Era o equipo redactor do Plan o persoal máis adecuado para facer este traballo? A quen lle preguntaron polos camiños e polos rueiros?
- Actualmente o concello está tramitando a rectificación do deslinde para aumentar a superficie edificable das tres sociedades que asinaron os convenios, así mesmo o concello obtén superfie cualificada como solo rústico de protección de costas. Está de acordo o alcalde en levantar alturas e ampliar volumes a menos de 500 metros do mar cando está prohibido pola Lei de Costas?
- O concello prevé no PXOM dotar de aparcamento o solo de dominio público cualificado como zona verde. Na memoria ambiental da Xunta determínase que estas zoas verdes estan pensadas para esparaxamento dos veciños/as e para creación dun espazo de calidade. Ten intención o goberno local de coidar as zonas verdes e atender as directrices da Xunta que vai ser a que aprobe definitivamente o plan?
- Debido á falta de iluminación estanse a producir roubos e accidentes pola desidia do concello. Pode explicar o alcalde as características tecnicas da iluminación na travesía do Areal (lumenes e watios que consumen) e se cumple a normativa de iluminación de vías públicas?
- Sabe o alcalde que noutros concellos colócase alumeado led en zonas urbanas e en especial nas prazas e rotondas que é onde hai maior necesidade por seguridade? Que criterios están a aplicar en Cabanas?
- Sobre a nefasta xestión da praga da pataca e a sucesión de improvisacións derivadas claramente de decisións políticas equivocadas agora a Xunta di que os concellos colaborarán na recollida de pataca plantada. O goberno local pode aclarar como vai facer fronte á recollida de pataca plantada? Como vai colaborar coa Xunta? Isto é competencia local?
- A xestión do piñeiral e a súa deterioración vense agravando co goberno do Partido Popular nos últimos anos. Piñeiros centenarios e en perfectas condicións son cortados con escusas sen fundamento á vista da protección total que recollen as Normas Subsidiarias Municipais. O goberno local pode concretar cantos piñeiros caeron cos últimos temporais e por que tardou tanto en retiralos? Cantos piñeiros cortou desde o último pleno para celebrar o mes da árbore? Cal é o motivo de arrincar couces en fin de semana?
SUXESTIÓNS
- Á vista de que hai ano e medio o Pleno aprobou unha proposta sobre transparencia municipal da marea local sen que a día de hoxe e pese a ter unha asesoría en informática que cobrou en 2016 17.000 € sen facer nada do acordado a pesar de ter que cumprir a lei. Polo tanto, suxerímoslle ao goberno local que cumpra os puntos da proposta de Somos Cabanas e tramite a ordenanza de transparencia.