Resumiño do Pleno ordinario de febreiro de 2017
A sesión ordinaria do Pleno tivo lugar o 24 de febreiro e tivo entre os acordos importantes a incorporación de servizos achegados desde Ferrol a través da mancomunidade como a casa de acollida, tratamento de drogodependencias e refuxio de animais. Por outra banda, comprobouse como o PP volve recorrer a apoios puntuais para sacar adiante propostas concretas. Neste caso elixiu co apoio do PSOE un xuíz de paz marcado pola relación familiar cun concelleiro do Partido Popular.
Neste pleno a veciñanza realizou unha pregunta para denunciar que o concello aínda non pagou nin a auga nin a luz dos alugueres pola derruba do Penso.
Parte resolutiva
1.- Aprobación se procede de acta de sesión anterior. Outubro 2016. TODOS A FAVOR
2.- Convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol para mellora servizo da casa de acollida de Ferrol. TODOS A FAVOR
3.- Proposta Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol sobre saneamento refuxio de animais. TODOS A FAVOR
4.- Liquidación Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol sobre servizos prestados pola Asociación Ferrolá de Drogodependencias en 2016. TODOS A FAVOR
5.- Elección xuíz de paz titular de Cabanas
A votación foi secreta, en urna. Os resultados evidencian o pacto soterrado PP-PSOE para a elección como Xuíz de Paz do primo segundo do concelleiro Javier Fernández.
D. Garrote 7 votos
A. Penín 1 voto
M. Ares 1 voto
S. Díaz 1 voto
Branco 1 voto
6.- Praga da couza guatemalteca. Proposta concelleiro do BNG.
Segundo puido saber o concelleiro da marea local na Comisión os grupos quedaran en facer unha declaración institucional. Así, o alcalde achegou o martes 23 esta declaración institucional que foi revisada polo BNG neste texto de eclaración institucional. O concelleiro da marea local optou por alegar motivadamente os seus desacordos, revisións e observacións no seguinte texto Declaración institucional Somos Cabanas.
A “proposta de consenso” chegou o mércores e foi confeccionada desde a alcaldía. Non recolleu as obxeccións da marea local na proposta de consenso. O concelleiro da marea local non deu o “OK” a esta proposta de consenso porque se calcaba no texto a contestación dada no Parlamento pola conselleira de Medio Rural ese mesmo día pola mañá, o que de feito convertía a declaración nunha chufa á Xunta.
Á vista desta situación, Xosé Manuel Pérez Sardiña expuxo o problema desde o punto de vista da cidadanía local:
– Primeiro caso: hai 15 anos nos Alimpadoiros e na cabeceira de Fontao, na parroquia de Cabanas. Desapareceu sen deixar rastro, Galicia non ten un clima benigno para esta praga de aí a propagación lenta da infestación.
– Segundo datos directos de tratoristas que realizan a sementeira e a apaña nas parroquias de Laraxe, Porto e Cabanas apareceu de novo o verme da pataca hai 4 ou 5 anos.
– Eses mesmos tratoristas coinciden en que 2016 deu un salto cualitativo na infestación dos patacais, chegando a un 80% de produtores afectados nesas parroquias.
– A infestación tamén chegou anecdoticamente a Irís e Pedra do Couto en 2016, e tamén se detectou en Ombre que curiosamente non vai ter limitación ningunha segundo os datos da Xunta, unha mostra máis da improvisación á hora de loitar contra esta praga. De feito, hai veciños do concello que van facer a planta no concello veciño. A xente busca a vida porque xa saben que agardar polas administracións e polos debates políticos é como respirar gases de soldadura de rutilo.
– Como se poido chegar ata aquí? Que medidas adoptaron as administracións competentes para evitar unha infestación progresiva en 4/5 anos no concello?
– Só a sociedade civil pode facer fronte a esta situación, as administracións ocuparanse de xestionar problemas colaterais como viñeron facendo ata o de agora.
O voceiro do PSOE cambiou a posición do seu grupo na Comisión informativa e opúxose á declaración institucional. Criticou a actuación da Xunta e puxo en dúbida a intervención do concelleiro da marea local. Unha posición incoherente, a todas luces, e que merecía maior explicación.
Fóra da intervención do concelleiro da marea local non houbo ningunha referencia á situación concreta de Cabanas. O PP saíu do Pleno sen explicar os motivos da inclusión de Cabanas na zona de prohibición e chegoulle con acordar a declaración con BNG e AEC.
SEN VOTACIÓN
7.- Plan único Deputación da Coruña. Proposta grupo Popular.
A intervención do concelleiro da marea local foi a seguinte:
“Esta proposta do Partido Popular caracterízase polo oportunismo e polo dirixismo do presidente do PPdeG na Coruña, Diego Calvo, o subdelegado de Rajoy en Galicia. Apostamos pola supresión das deputacións provinciais e o reparto das súas competencias e persoal entre Xunta e agrupacións de concellos. Os fondos da Deputación pódense repartir entre os concellos da provincia de xeito proporcional á poboación, cun factor corrector para os concellos pequenos, pero para iso hai que ir máis aló de plans concretos e tamén distribuír as subvencións discreccionais que por exemplo publican estes días no BOP para servizo dos partidos de goberno. Dá igual quen entre que acabarán caendo nos erros intrínsecos a organismos deseñados con fins á marxe do control democrático. A guinda das deputacións son os organismos paralelos nos que fan e desfán sen límites. Polo tanto, son institucións innecesarias e cómpre a súa supresión.
Agora ben, lendo reparadamente esta proposta, o Partido Popular descobre as súas intencións ocultas. Queren andar o camiño do caranguexo e facer da Deputación da Coruña un niño de caciquismo. Din na proposta que son cousas entre alcaldes e goberno provincial. Queren afogar o control do Pleno e blindar a nula capacidade de control da cidadanía sobre subvencións que se distribúen segundo seña máis ou menos amigo. O Pleno dos concellos queda de convidado de pedra aos banquetes que se amañen. Por iso votaremos en contra da proposta do PP, porque é unha máis das trampulladas a que nos teñen afeitos. Teñen moito que criticar das deputacións, pero coma sempre vano facer con aquilo que lles complica un chisquiño os privilexios.
En conclusión, quen vote a prol desta proposta non fai máis ca asegurarlle ao PP o negocio cos servizos públicos e para iso, nada mellor que a través de institucións que nin son de elección directa nin teñen mecanismos de control cidadán”.
Neste punto, o PSOE mudou de voto da comisión (a favor) ao Pleno (en contra).
A favor: PP
En contra: PSOE, BNG e Somos
Abstención: AEC
Parte de control órganos da Corporación.
8.- Informes da Presidencia.
- a) Resolucións da Alcaldía.
- b) Informe trimestral sobre PMP 4°T/2016.
- Rogos e preguntas.
Preguntas orais de Xosé Manuel Pérez Sardiña
- Poderíanos explicar como negociou o alcalde os orzamentos para 2017 cos grupos políticos municipais? A quen chamou? Cales foron os principais pactos?
- Houbo varias resolucións sobre os chalés de Cardeita. En que situación se atopan as obras dos chalés de Illa Mourón?
- Cantos expedientes de reposición da legalidade caducaron no que vai de lexislatura?
Suxestión oral
- Suxírolle ao goberno local que retire o lixo abandonado desde hai dous anos no Portiño, parroquia de Irís, xusto debaixo da ponte da autopista.