Resumiño do Pleno ordinario de xaneiro de 2017
O pasado 25 de xaneiro celebrouse a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xaneiro, da que a seguir facemos un resumo e explicamos as cousas dende o punto de vista da marea local.
Neste pleno non houbo preguntas de veciños e veciñas ao rematar a sesión moi tarde.
1.- Aprobación si procede de acta de sesión anterior. Aprobada por asentimento
2.- Modificación ordenanza taxa por expedición de documentos adrninistrativos. APROBADA
Amosamos as nosas discrepancias, escoitadas por todos os grupos, tanto na xunta de voceiros coma na comisión correspondente e en consecuencia presentamos voto particular. O PP acusou a Somos Cabanas de incrementar o labor dos servizos municipais, o que foi retrucado polo concelleiro da marea local con que esta ordenanza non chega aos 1000 euros de recadación. O voto particular non foi valorado por ningún grupo político na medida en que entronca coa oposición a cobrar por documentos básicos para a cidadanía, coma no caso do rexistro civil ou os ataques dos gobernos do PP á xustiza gratuíta. Foi rexeitado o voto particular co seguinte resultado: A favor BNG, Somos Cabanas, en contra: PP, abstención: PSOE, AEC.
A ordenanza finalmente foi votada do seguinte xeito: A favor: PP, AEC, PSOE; en contra: Somos; abstención: BNG
3.- Proposta Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) “POS+2017”. Total 415.978,95 €. APROBADA
Neste punto o secretario explicou a situación da débeda viva e da débeda flotante do concello.
Unha das propostas de Somos Cabanas no orzamento foi incluída parcialmente, a reparación do Camiño Vello no Areal. Á vista de que se obviaba a situación calamitosa do saneamento que filtra para as vivendas da beira do camiño, Somos Cabanas advertiu de que se faga actuación sobre o colector do saneamento antes da proposta á Deputación. O alcalde amosou o seu desacordo.
Neste punto, enzarzáronse Germán Castrillón, Delfín Feal e Iago Varela pola contía dos fondos e volvéronse repetir escenas propias do bipartito da Xunta agora trasladadas á Deputación.
A favor: Todos
4.- Declaración de especial interese explotacións gandeiras a efectos bonificación IBI. APROBADA
A marea local lembrou que a proposta de bonificacións fora bloqueada polo PP e polo PSOE en xuño de 2016 sen ningunha xustificación por parte da grande coalición, e no pleno non deron explicacións aplicando a habitual política da avestruz. Somos Cabanas votou a favor pero advertiu que esta proposta da marea local non é só para explotacións gandeiras, senón para todo o sector primario e o naval.
A favor: TODOS
5.- Elección xuíz de paz substituto de Cabanas.
Candidato A: non achegou toda a documentación acreditativa e requirida na convocatoria e foi excluído. A candidata B achegou toda a documentación completa e foi proposta coma xuíza de paz substituta por unanimidade do Pleno.
6.- Nomeamento de representante da administración actuante na Xunta de Goberno da entidade urbanística de conservación do Poligono Industrial de Vilar do Colo. NOMEADO O ALCALDE.
A entidade urbanísta de conservación do Polígono industrial exixe o nomeamento dun representante do Pleno da Corporación. O alcalde, seguindo o modelo de Fene, propúxose a si mesmo. Amosamos co voto en contra o noso desacordo por como o goberno local está a levar as delegacións do Pleno, que informa a quen lle parece. A favor: PP, PSOE, AEC; abstención: BNG; en contra: Somos.
7.- Adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fegamp sobre HSUE. APROBADA
O Pleno acordou colaborar coa FEGAMP e coa Xunta para crear unha historia social electrónica, para axilizar os trámites dos Servizos Sociais e das persoas que fagan uso deste servizo. A favor: Todos
8.- Accesibilidade de persoas con discapacidade: Proposición grupo socialista. APROBADA coa abstención do PP e AEC.
Esta proposta incorpora algunha proposta de Somos sobre dotación dos parques infantís de xogos accesibles. Advertimos que así mesmo facer accesible o concello é parar os recortes en alumeado público e denunciamos as caídas de persoas por falta de luz pública. Entendemos que estas propostas serían máis factibles desde o goberno. A favor: PSOE, BNG Somos; abstención: PP e AEC
9.- Imposición taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos. Proposición do concelleiro de PDDdG (rexistrada o 10 de xaneiro, anunciada en prensa o 12 de xaneiro), APROBADA sen “2017” e sen “(…)” e do concelleiro do BNG (rexistrada o 13 de xaneiro) (RETIRADA)
A proposta da marea local foi exposta na Xunta de Voceiros e na Comisión de Asuntos de Pleno. O PSOE amosouse desconforme inicialmente, mentres o Partido Popular aceptouna pero exisiu suprimir os prazos “2017” e só recibiu o apoio claro de AEC. O edil do BNG non expuxo a súa proposta na Xunta de Voceiros e, sorprendentemente, na Comisión propuxo asinar unha proposta conxunta, ao que lle pedimos que concretase o texto nese mesmo momento e que noutro caso mantiñamos o texto renunciando ao ano (para achegar posturas con PP e BNG). Pero, mentres o alcalde aceptou, o edil do Bloque calou e agardou ao Pleno co fin de conseguir un minuto de gloria e o apoio do PP a un acordo que deixaba en mans do alcalde do PP a iniciativa política. A pesar destas actitudes de escaso compañeirismo e diálogo de xordos dentro da oposición, o concelleiro da mareal local achegoulle a toda a Corporación as sentenzas e a ordenanza a todas as concelleiras na comisión que tratou o asunto. Explicou as claves do estudo económico así como a fórmula empregada e que ten a sentenza favorable do Tribunal Supremo. Practicamente está feito todo o labor sen entrar en sensacionalismos da prensa (fonte do texto do BNG) e axustándonos como facemos na nosa exposición de motivos á realidade da documentación da que tiramos os datos concretos.
A marea local consideramos fundamental que o Pleno tome a iniciativa política de abrir o expediente e tramitalo segundo os prazos legais para que as empresas eléctricas tributen pola afección ao dominio público local. Finalmente, agradecemos que o edil do BNG recapacitase no último momento e aceptase o seu erro.
DOCUMENTACIÓN ACHEGADA POLO CONCELLEIRO DA MAREA LOCAL: Ordenanza de Arteixo, Sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de Galicia e do Tribunal Supremo
A favor: TODOS
10.- Revisión de valores catastrais: Proposición,do concelleiro de PDDdG.
Actualización dos valores catastrais (Leis de Orzamentos Xerais do Estado)
Xosé Manuel Pérez Sardiña explicou que a actualización dos valores permite axustalos á realidade do mercado actual e, polo tanto, reducir o importe deste imposto en todos os inmobles da localidade. Para iso o goberno local tería que realizar xuntanzas cos representantes da Xerencia do Catastro en Galicia co fin de compensar o incremento do 10% anual desde 2008, que será do 100% precisamente en 2018. A base liquidable do valor catastral dos inmobles foi determinada polo Catastro en 2008, no pico da burbulla inmobiliaria tal e como se pode comprobar nas sucesivas leis de presupostos xerais do Estado.
Por iso, a marea local afirmamos que xa se está a aplicar a contribución con carácter confiscatorio no pasado 2016, coa aplicación sobre o 80% do valor e neste e seguintes anos co que entendemos que hai que resolver a situación tributaria inxusta. Ademais desta proposta, tamén deberiamos aplicar unha rebaixa do tipo impositivo do IBI baseada na elaboración dun Marco Orzamentario 2017-2019.
Os grupos políticos enredáronse con cuestións que nada teñen que ver coa realidade da proposta. O PP leou argumentos co fin de confundir e algún edil relacionou a valoración catastral coas expropiacións, descoñecendo que son establecidas a través de xustiprezo e mesmo por vía xudicial con bastantes sentenzas xudiciais en Cabanas sobre este asunto se se queren revisar.
Vótase desestimar a proposta. A favor: PP; en contra: BNG, Somos*** e abstención: PSOE, AEC.
*** Noutro resumo do Pleno equivocadamente atribúesenos e mesmo critícasenos incomprensiblemente por un sentido de voto distinto.
11.- Transferencia e gratuidade da AP-9: Proposición do concelleiro do BNG. APROBADA
A marea local apoiaría ademais a tramitación da nova lei para que o goberno galego asuma as competencias sobre a AP9, que boto en falta na proposta. Así mesmo, esta Corporación xa apoiou en diferentes ocasións desde 2008 a gratuidade da peaxe Laraxe (Vilar do Colo)-Miño. A gratuidade da peaxe complicouse desde que o goberno de Aznar prorrogou a concesión a pesar de estar amortizada a autoestrada. Esta situación prexudica o desenvolvemento do concello, posto que a N-651 segue a ser vía única de acceso público á comarca de Ferrolterra sen unha alternativa. O goberno local debía pular porque o dano que creou a variante de Fonfría a Rego da Moa se compense coa súa declaración como circunvalación da zona urbana en combinación co tramo inicial da nova estrada das Pontes.
O concelleiro do BNG aceptou a Emenda do Grupo Popular, e a proposta ficou na liña dos acordos da Corporación local sobre a AP-9 por unanimidade desde 2008.
A favor: Todos
Acordos anteriores da Corporación sobre a AP-9
19 de maio de 2008
1. O concello de Cabanas insta ao Goberno de Galicia e ao Ministerio de Fomento, ante o grao de saturación da N-651 e a infrautilización da AP-9, a que acorde con Audasa a construcción dun enlace en Campolongo e a gratuidade da peaxe de Cabanas-Campolongo.
2. O concello de Cabanas insta ao Ministerio de Fomento a que presente o proxecto de humanización da N-651 segundo o establecido na lexislación vixente para exposición pública e consideración desta Corporación local. (Incluír a peaxe de balde ata Miño e habilitar a saída de Campolongo. Corrixida a peaxe de Vilar do Colo).
Acordo concello de Pontedeume de 2008:
“Primeiro. Solicitar a construcción dun acceso desde a Autoestrada ao Polígono de Vidreiro, sito en Andrade, Pontedeume.
Segundo. Solicitar do Goberno Central a supresión da peaxe da Autoestrada do Atlántico A-9 no tramo Fene-Vidreiro, como medida que evite as retencións de tráfico na estrada N-651. Terceiro. Remitir o presente acordo aos concellos próximos afectados, interesando o seu apoio a supresión da peaxe no tramo citado, como medida que contribúa a unha maior fluidez no tráfico rodado”
Acordo 2010
“1.-Demandar da Xunta de Galicia o inicio de negociación co goberno do Estado co obxectivo de liberar as peaxes de Cabanas e Pontedeume.
2.-Instar a Xunta de Galicia, de acordo co aprobado no Parlamento Galego en xuño do 2007, a dirixirse ao goberno do Estado para que retome as xestións e os compromisos acadados e se proceda a realizar un novo acceso á autoestrada AP-9 no concello de Pontedeume, no lugar de Andrade.”
O pleno do concello de Cabanas insta ao Ministerio de Fomento a retomar a viabilidade do Enlace coa AP-9 en Vidreiro, dándolle unha solución definitiva ás retencións diarias de tráfico entre Cabanas e Pontedeume co establecemento da gratuidade da peaxe
12.- Informes da Presidencia.
12.- Rogos e preguntas
Preguntas orais da marea local
1. En setembro do 2015 o ministro Cristóbal Montoro introduciu a obrigación a todos os concellos de contar con tesoureiros con oposición nacional superada, polo xeral non se avanzou na dotación do devandito técnico aos consistorios nin tampouco se modificou a esixencia. A falta de lei de acompañamento aos Orzamentos do 2017 deixou sen cobertura o adiamento da norma que se aplicou en 2016. Cabanas está entre os concellos que non contan con tesoureiro segundo a esixencia de Facenda, cuestión que se vai volver difícil de solucionar á vista das vacantes existentes en todo o Estado nos postos de secretario, interventor ou tesoureiro. Que ten previsto facer o goberno local sobre este asunto?
2. Acaba de saír a licitación o proxecto de demolición da segunda fase do Penso, que non cumpre a sentenza, e recentemente puidemos ler na prensa como hai veciños da primeira fase descontentos coas obras. Cando van certificar a obra de demolición da primeira fase para trasladarlla ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia?
3. En relación aos chalés de Cardeita, a Valedora do Pobo emitiu unha providencia en meses pasados por inactividade e falta de colaboración da alcaldía “que pode favorecer que se produzan situacións que lesionen dereitos e que poden dar lugar a responsabilidades xudiciais”, con apercibimento do contido do artigo 502 do Código Penal e de poñer os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal.
A este respecto, o concello está a esixir o cumprimento do disposto na resolución 070/2013 e a constatar se os axustes establecidos nela se realizaron antes de permitir a continuación das obras, paralizándoas mentres non existan os informes técnicos que así o acrediten?
4. Sobre a situación das mesas e cadeiras na beirarrúa da zona comercial recibimos bastantes queixas de veciños e veciñas sobre a mingua do paso que están a provocar. O goberno local vai actuar para que se cumpran a ordenanza correspondente?
Suxestións orais
1. As luces de nadal inda non foron retiradas totalmente nesta cuarta semana de xaneiro. Suxírolle ao goberno local que proceda á súa retirada
2. Sobre servizos na zona comercial do Areal, suxírolle ao goberno local que procure unha localización máis axeitada para o colector de papel e cartón, mellore a iluminación que xa demandamos hai máis dun ano e mais que marque horizontalmente unha praza para persoas con discapacidade (segundo a lei hai que poñer unha por cada 40 aparcamentos).
CONCLUSIÓNS
A aprobación da proposta de Somos Cabanas sobre o imposto ás eléctricas e ás gasistas abre novas posibilidades fiscais para aliviar a sobrecarga sobre o IBI que agardamos se poida aplicar a partir de 2018 no caso de que o Congreso tome en consideración a proposta de En Marea para establecer bonificacións por motivos sociais.
Sobre a proposta do IBI, constatamos argumentos inverosímiles sobre o asunto e pouca escoita activa das explicacións dadas polo edil da marea local.
A belixerancia do edil do Bloque coa marea local evidencia a súa escasa iniciativa política, centrado en debates menores, á procura dunha notoriedade máis belixerante coas alternativas políticas ao Partido Popular que, por exemplo, co nomeamento do alcalde na Xunta de xestión do polígono industrial:
- Non ten explicación verosímil por que ese concelleiro unha vez máis foxe das propostas concretas de consenso da marea local que van dirixidas a todos os grupos. As chamadas reiteradas de Somos Cabanas a “deixar debates menores” e a “conformar unha alternativa ao Partido Popular” atópanse con “ausencia de diálogo”, silencio calculado nos órganos e por último críticas absurdas e infundadas na web.
- A moción sobre a AP9 lamentablemente non achegou nada novo aos acordos de corporacións anteriores e mesmo rebaixou algunha demanda máis avanzada, pregándose aos intereses do PP por terceira vez no mesmo Pleno. A discusión sobre a peaxe de Vilar do Colo foi malinterpretada polo edil propoñente, e á vista dos acordos anteriores da Corporación aos que se referiu o edil de Somos Cabanas perde sentido calquera apostila.