Resumiño do Pleno ordinario de xuño de 2017
Este pleno de xuño foi tranquilo ata que a marea local tratou de debater por vía de urxencia unha proposta sobre a Risga. O PP empregouse con virulencia para tratar de bloqueala, lamentablemente o PSOE entrou no xogo sen coñecer as regras básicas de funcionamento do Pleno. A marea local debe denunciar unha vez máis a lei do embudo que aplica o PP, ignorando as regras básicas da lei.
Parte resolutiva
1.- Aprobación se procede de acta de sesión anterior. Febreiro 2017. TODOS A FAVOR
2.- Convenio de colaboración entre o Concello de Cabanas e o Club Juventud de Cabanas. Todos a favor.
3.- Solicitude subvención Plan de mellora dos camiños municipais. TODOS A FAVOR
4.- Proposta concelleiro BNG sobre o Plan de Mellora dos Camiños Rurais. REXEITADA
5.- Ratificación resolucións Alcaldía.
a) Requirimento documentación empresa proposta para execución sentenza recurso contencioso-administrativo 02/0004055/1993 do edificio O Penso 2° fase. (Asunto incluído sen pasar por Comisión) A favor: PP, PSOE e AEC; Abstención: BNG; En contra: Marea
O alcalde non contestou ás cuestións expostas pola marea local sobre o asunto, xogou ao gato e o rato coma sempre.
Intervencións sobre este punto e sobre a moción de urxencia.
;
Parte de control órganos da Corporación.
8.- Informes da Presidencia.
9.- Moción de urxencia de PDDdG sobre Renda de Inclusión Social de Galicia. Aprobada a urxencia e a proposta cos votos en contra do PP.
Moción de urxencia sobre a Renda de Inclusión Social de Galicia
A crise consolidou en Galiza un modelo que afondou nas desigualdades e na exclusión social: aumentaron os niveis e a duración do desemprego, aumentou a precariedade laboral e reducíronse os ingresos por fogar.
A taxa de risco de pobreza e exclusión chegaba en 2015 case ao 26% e a porcentaxe de persoas en exclusión material severa era do 4,2%, tendo aumentado durante a crise. O risco de pobreza e exclusión social é meirande entre familias monomarentais (53%), mocidade de 16 a 29 anos (36,4%) e menores de 16 anos (35,4%) – datos de 2014.
Se a pobreza severa afectaba en 2015 132.000 persoas, a RISGA foi percibida ese mesmo ano por 3.848 persoas (datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade).
Ademais, a RISGA é unha das rendas máis baixas do Estado (399 €/mes) e con menor cobertura (4,4 persoas beneficiarias por cada 1000 habitantes).
En consecuencia, o Pleno ACORDA instar á Xunta a:
1. Elevar en 2018 a dotación da RISGA, co obxectivo de igualala, cando menos, á media do conxunto do Estado, simplicar a tramitación e regular os tramos de inserción e transición ao emprego.
10.- Rogos e preguntas.
Preguntas orais
- No Pleno de febreiro preguntámoslle polas medidas de impulso do emprego e da empresa local que estaba a realizar o concello entre outras cousas porque comprobamos como fronte á tendencia de crecemento do resto de Galicia, en Cabanas decrece o emprego acusadamente entre un -5% e un -14,9% segundo o publicado pola Voz de Galicia. O último dato de desemprego achega un incremento de cinco persoas no mes de maio, o último dato oficial dispoñible. En febreiro expuxo unhas liñas escasamente efectivas e concretas, e nese sentido demandámoslle que explique: Como vai corrixir o goberno local este decrecemento no emprego con accións concretas, tanto para persoas desempregadas como para emprendedoras?
- En canto ao soterramento de liñas de alta tensión non vemos continuidade cara ao Barreiro de actuacións xa feitas no colexio Eladia Mariño e comprobamos como o goberno local está instalado na parálise. O goberno local ten previsto promover o soterramento da liña de media tensión cara ao Barreiro?
- Comprobamos que de arredor do lavadoiro e fonte de Carballo se están a facer movementos de terras. Ten coñecemento o goberno local destas actuacións e que vai facer para protexer a fonte pública?
- O concello dispón de aparatos de exercicio físico, cintas, bicicletas e unha elíptica. Estes aparatos atópanse sen uso no pavillón do colexio. Foron inventariados como bens municipais e vailles dar uso o concello?
Suxestión oral
Advertímoslle da situación da Casa do Pino no Areal, á situación calamitosa dunha balconeira e do beiril sumouse a posible caída das tellas sobre a beirarrúa. Sobre os informes pendentes da Casa de Xan Ares non tivemos novas ningunhas e iso que a propietaria remitiu un escrito ao concello. Suxerímoslle ao goberno local que adopte as medidas necesarias para evitar danos a terceiros.
Pregruntas escritas
- En relación ao uso das beirarrúas para mesas e cadeiras de locais hostaleiros. Pódenos dar unha explicación das actuacións que realizou o goberno local desde o mes pasado?
- Polo que respecta á obra de “reparación de colector de augas pluviais” (sic) no Areal, inda que por alí arrecende a augas afectadas negativamente por influencia antropoxénica. Poderíanos aclarar por que procedemento se contratou? Cal foi a contía de adxudicación? Houbo algún problema no desenvolvemento das obras? Cando teñen previsto rematar a reparación?
- Sobre o servizo de abastecemento de auga e á vista da seca prolongada que sufrimos nos primeiros seis meses de 2017. Que resultados presentan as últimas analíticas das captacións de Ventín e Fonfría? En que nivel de capacidade se atopan ambas as captacións? Cando prevé resolver a ausencia de auga pública en Laraxe, cunha infraestrutura que ten seis anos de antigüidade e que ata hoxe non serviu nin unha pinga de auga?
- Patrimonio cultural achegou un informe sobre o hórreo de Cardeita co que arramplaron as obras de construción dos chalés de Isla Mourón SL. A situación do Patrimonio cultural co goberno actual é de abandono absoluto da protección e ningunha revalorización. Que medidas concretas de posta en valor e protección levou a cabo cos bens culturais catalogados no presente ano?
- Malia a reivindicarmos en maio a convocatoria do posto de capataz interino, atopámonos un mes despois con que o alcalde segue varado na ribeira. Contrata capataces por uns meses pero a continuidade que require o posto segue no aire. Que previsións teñen para rozar os camiños transitados a diario polos veciños? Que servizos de roza externos contrataron e a canto ascenden as adxudicacións?
- A situación do CEIP Eladia Mariño de Porto en canto a dotación de servizos básicos que viña prestando o concello é un desastre. A empresa que realizaba a limpeza quedou en situación alegal ao advertirse un contrato irregular, e o operario de servizos múltiples renunciou ao posto que lle correspondía por superar a oposición. Poderíanos explicar que medidas concretas vai adoptar o goberno local para resolver a situación dos servizos de limpeza e servizos múltiples no colexio?
- Logo de interesarnos polo PXOM e comprobar como o documento se cociña en viaxes a administracións para resolver pelotazos urbanísticos que se antepoñen aos intereses xerais da cidadanía, volvemos requerirlle transparencia coas nosas preguntas malia a que as deixa sen contestar. Mediante que procedemento, cando, a quen e por que contía contratou a adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal á Lei do Solo de 2016? Que motiva que non convoque a Comisión para tratar a aprobación provisional do PXOM malia a que a documentación está entregada o pasado 9 de xuño?
- Sobre o Punto de Atención á Infancia. De cara ao ano vindeiro está prevista a continuidade do servizo?
- Sobre a praga da pataca e logo de escoitarlle as típicas respostas absurdas propias dun avogado das silveiras, insistimos. Pediulle á Xunta información sobre a expansión da praga en Cabanas? Coñece os datos oficiais de patacais arrincados no Concello?
Suxestión escrita:
- No pasado pleno de maio lle advertimos por queixas veciñais que a Demarcación de Estradas do Estado rozou as marxes da N-651 e que falta visibilidade na saída do cemiterio de Laraxe á N-651. Tamén lle preguntamos polas distancias das árbores a viais públicos e recibimos coma sempre a resposta de quen ten pouca ansia de facer o seu traballo. Á vista do perigo da situación, suxerimos que o concello se dirixa á Demarcación de Estradas do Estado para que corte as árbores que impiden a visión dos vehículos de baixada da N-651 á altura do cemiterio de Laraxe ao atoparse na franxa de seguridade contra o lume.