Resumo do Pleno ordinario de abril de 2016
No pleno de abril, por fin se deu conta o alcalde que chove en Galicia, tal e como lle advertira en plenos anteriores Xosé Manuel. Confirmou que o camiño da lambida asfáltica en Laraxe deteriorouse pola chuvia. Claro que o asfalto había ser bon dixo o outro.
No debate había cinco propostas da oposición e o goberno foi de baleiro, por suposto o alcalde do PP tratou de amordazar unha vez máis a voz de Somos Cabanas cortándolle o uso da palabra, facendo gala do descoñecemento total da orde de intervencións nos plenos e aplicando a lei do embudo.
Ao remate da sesión consolidouse a chispa da participación directa de febreiro de 2016, tres veciñas tiveron a palabra para expoñer problemas locais. A primeira falou sobre a execución do Penso á vista de que o alcalde nos pode facer gastar dobre polas argalladas das asesorías externas. A segunda veciña reiterou a falta de solución nunha ponte do Batán, nin caso e iso que cortou os piñeiros, e mais unha farola fundida porque o alcalde descoñece onde está o muíño de Cabada, seguirá sen luz. A terceira veciña queixouse do mal estado da auga de consumo e o alcalde en vez de iniciar un expediente de oficio contestoulle que presentara escrito cando sucedera. Do dito ao feito!! Somos lexión! Hai marea!
Parte resolutiva
- 1. Acta da sesión de febreiro de 2016. Todos os votos a favor (11). APROBADA
- Acta de febreiro de 2016
- 2. Emenda proxecto PAS: Mellora zona recreativo do Areal. Todos os votos a favor (11). APROBADA
- 3. Dotación de desfibriladores nos espazos públicos municipais e formación primeiros auxilios: Proposta concelleiro BNG
- Texto da proposta. O PP propuxo que quedase sobre da mesa.
-
- A favor de deixalo sobre da mesa: PP (5, con voto de calidade do alcalde). SOBRE DA MESA
- En contra de deixar o asunto sobre da mesa: PSOE, BNG, Somos Cabanas (5)
- Abstención: AEC (1)
- 4. Modificación ordenanza IVTM. Proposta concelleiro PDDdG. Todos os votos a favor 11. APROBADA
- Proposición inicial
- Proposición adaptada ás observacións de secretaría e aprobada polo pleno
- A tramitación desta proposta foi exemplar desde a Comisión ata o Pleno, deixando clara a nosa decisión política e adaptando a súa forma ós requisitos legais.
- Desde 2011 que se ditou sentenza no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o PP cobrou ás persoas con diversidade funcional indebidamente sobre un precepto nulo de pleno dereito. Hoxe coa proposta de Somos Cabanas ábrese expediente de modificación da ordenanza para suprimir os trámites non autorizados pola lei e que lle negaban a moitas persoas a exención á que teñen dereito a partir de 2017.
- 5. Rehabilitación da casa de Xan Ares: Proposta concelleiro PDDdG-Somos Cabanas
- Texto da proposición. O PP propuxo que quedase sobre da mesa.
- A posición de Somos Cabanas é favorable á rehabilitación da casa e ao diálogo, coa colaboración doutras administracións. Así, aceptamos substituír o punto dous por unha proposta do Grupo Socialista, que non nos achegaron, pero que pedía consensuar o asunto na Comisión de Obras.
- Quedou en evidencia a intención do goberno local de derribar o inmoble, leva desde 2012 co expediente de declaración de ruína sen resolver porque Patrimonio Cultural da Xunta prohibiu a demolición da casa. Agardemos que por caprichos do alcalde por facer un bloque de edificios no lugar e incrementar aboados á concesionaria de auga non pase unha desgraza.
- A favor de deixalo sobre da mesa: PP (5, con voto de calidade do alcalde). SOBRE DA MESA
- En contra de deixar o asunto sobre da mesa: PSOE, BNG, Somos Cabanas (5)
- Abstención: AEC (1)
- 6. Reapertura do centro de día en Cabanas. Iniciativa grupo Socialista. Todos os votos a favor 11. APROBADA con modificacións
- Texto da iniciativa. O PP achegou dous puntos á proposta.
- 7. Xestión do P.E.L. da Deputación da Coruña. Iniciativa grupo Socialista Parte de control órganos da Corporación. Todos os votos a favor 11. APROBADA con modificacións
- Texto da iniciativa. Foron modificados os acordos de común acordo á vista das observacións de secretaría no sentido de consensuar entre todos os grupos a Memoria na Comisión de Obras.
- Parte de control órganos da Corporación
8. Informes da Presidencia - a) Resolucións da Alcaldía
b) Informe PMP
c) Informe orzamento 2016.
O alcalde botoulle nun punto anterior a culpa á oposición de que falaba moito nos plenos e impedía o normal desenvolvemento dos servizos. Pero neste punto o secretario deixou en evidencia as dificultades de xestión derivadas da implantación de novos programas de contabilidade pouco compatibles coas plataformas do Estado. Ademais deixou constancia da falta de persoal para facer fronte a estes imprevistos. Como non pode ser doutra maneira o concelleiro de Somos Cabanas achega os textos dixitais de todas as súas iniciativas para non sobrecargar o traballo dos servizos municipais e denuncia reiteradamente nos plenos a situación de desmantelamento en que o PP ten o cadro de persoal co único fin de contratar empresas externas sen ningún tipo de control. - 9. Rogos e preguntas
- Somos Cabanas: 13 preguntas e 5 Suxestións
- Preguntas por escrito de Somos Cabanas de abril 10 preguntas e 3 suxestións escritas
- Preguntas orais 3
- 1. Como está a situación do Punto Limpo? Contestación do alcalde: Que lle preguntemos a Fene. Preguntaremos pero tamén lle pedimos que lle pregunte o alcalde que así ten traballo para o vindeiro mes.
- 2. De Vega segue traballando no Plan Xeral e aos concelleiros non se nos consultou aínda sobre a ampliación do contrato tal e como manifestou o alcalde na Comisión. Ampliouse o contrato? Contestación do alcalde: Non, o goberno está formulando unha proposta que se consultará en vindeiras datas.
- 3. Sobre a actuación do alcalde para executar a 2ª Fase da derruba do Penso, tivemos coñecemento da xuntanza que celebrou cun propietario e queriamos aclarar o seguinte: Chama o alcalde negociar a dicirlle ao veciño que ía chamar á Garda Civil para botalo da súa casa? Contestación do alcalde: iso é falso.
- Suxestións orais 2
- 1. Recibimos queixas da falta de limpeza nalgunha dependencia do colexio Eladia Mariño. Suxerimos que lle exixan á empresa que realiza os labores de limpeza que cumpra o contrato, para iso cobra unha importante cantidade por este labor, e non lles boten a culpa aos traballadores municipais desta situación.
- 2. Os bancos colocados ao final do paseo da Madalena, indo cara a Chamoso, foron orientados con vistas aos muros dos chalés. Suxerimos que se lles dea a volta con vistas ao mar. Contestación do alcalde: xa os cambiamos precisamente hoxe.
1 resposta
[…] proposta de Somos Cabanas aprobada polo conxunto do Pleno en abril de 2016 para recuperar a exención a persoas con diversidade funcional superior ao 33% sen impedimentos […]