A Fiscalía ratifícase en que Germán Castrillón cometeu un delito de desobediencia
O xuízo contra o alcalde quedou visto para sentenza e acreditouse que o prazo acordado para demoler parte do edificio do Penso rematou en 2011
En consecuencia, a Fiscalía solicitou para o alcalde de Cabanas 15 meses de inhabilitación para emprego ou cargo público e unha multa de 10.200 euros, a acusación particular sumouse á Fiscalía e reclamou maior multa: 16.500 euros
Despois de coñecer pola prensa a situación xudicial de Germán Castrillón, Somos Cabanas concorda con que o alcalde non cumpriu os prazos para derribar a primeira fase do Penso, segundo o plan de etapas aprobado polo alcalde e aceptado polo TSXG (véxase http://galego.laopinioncoruna.es/metro/2010/05/22/superior-ordena-concello-derribar-primera-fase-o-penso-2012/386828.html, http://galego.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2011/11/27/superior-urge-cabanas-acatar-sentencia-le-obliga-demoler-o-penso/555127.html). O prazo para demoler parte do primeiro edificio do Penso que autoimcumpriu Germán Castrillón esgotouse o 31 de decembro de 2011. O TSXG xa advertiu a obrigación do Concello de demoler parte do inmoble antes de que finalice o ano 2011 ou, pola contra, imporíaselle unha “multa coercitiva”, á vez que a Fiscalía do TSXG instou dilixencias penais.
Neste sentido, apreciamos como totalmente fóra de lugar valorar se fixo ou deixou de facer, cando xa pasaron tres anos e nove meses do prazo executivo co que o rexedor se comprometeu diante do TSXG. Desde Somos Cabanas queremos aclarar que o alcalde de Cabanas está a ser xulgado por estes feitos pasados, que nin teñen volta atrás, nin teñen outro culpable ca el, nin poden ser resoltos con atallos ilegais de último segundo. Ademais é de público coñecemento que o Concello dispuxo de recursos económicos suficientes coa suba da contribución, pero foron desviados sistematicamente para fins accesorios que nada teñen que ver nin cos servizos básicos, nin coas indemnizacións aos propietarios de boa fe nin coa execución da sentenza do Penso.
Despois da ratificación da fiscalía na acusación e na solicitude de inhabilitación por delito de desobediencia, exixímoslle ao Partido Popular, responsable de presentar este cabeza de lista a unhas eleccións como imputado con apertura de xuízo oral, que evite unha situación máis grave ca a de León de La Riva en Valladolid. Se Germán Castrillón ten sentenza de inhabilitación por cometer un delito de desobediencia deberá abandonar o seu cargo automaticamente, a pesar de que recorra, e o Pleno da Corporación deberá escoller alcalde de novo.